Abren expediente administrativo pola vertedura ilegal de rodas en Lourizán
Por Redacción
O Concello de Pontevedra incoou un expediente administrativo pola vertedura ilegal de rodas denunciada nos últimos días na pista de servizo da Variante de Marín en Lourizán.
Segundo confirmaron fontes municipais, a Policía Local de Pontevedra elaborou un informe sobre esta vertedura, que a plataforma Defende o Monte Pituco denunciou a través do seu blog.
Trátase de toda unha fila de rodas tirada pola condución da auga e contra o valado metálico que separa a pista de servizo da Variante, nun lugar que se encontra por debaixo da ponte próxima ao arboredo que hai antes do cruzamento do Regueiriño, en dirección a Louredo.
Os veciños da zona tiveron noticia desta circunstancia fai xa unha semana e apuntaron que non é a primeira vez que se producen feitos similares no contorno. Na anterior ocasión localizouse o responsable, que foi obrigado a reparar a súa acción retirando o material que deixara tirado.