Os rapaces do colexio A Carballeira plantan árbores no monte comunal de Lourizán
Por Redacción
A Comunidade de Montes de Lourizán, en colaboración coa Escola de Capataces Forestais de Lourizán e co C.E.I.P. A Carballeira, organizaron unha xornada de plantación de árbores no monte veciñal.
Convencidos da importancia da educación e concienciación medioambiental, especialmente na infancia, por representaren o noso futuro, levouse a cabo esta xornada, na que os protagonistas son os rapaces e que se pretende que se repita anualmente.
Previamente, xa se impartíu unha charla no colexio por parte dun profesor da Escola de Capataces Forestais e dun membro da Comunidade de Montes, nas que se lles falou ós alumnos da importancia das árbores e dos bosques e do significado dos montes veciñais.
Tamén se proxectou o documental "Sete Camiños. Encrucillada do Tempo".
Cada neno plantou unha árbore pertencente cada unha delas a unha especie diferente, o que fará máis forte ese vínculo persoal entre os alumnos e as árbores, ademáis de acompañar a planta cun cartel serigrafiado por eles mesmos, no que aparecerá o nome científico e o común en galego da especie plantada e o nome de quen a plantou. Todas as especies son autóctonas, polo que contribuirán a mellorar a biodiversidade do monte dunha forma responsable.
O papel dos alumnos da Escola de Capataces Forestais foi importante, pois exerceron de monitores dos rapaces, dirixindo a plantación, o que, sen dúbida, enriqueceu esta sinerxia colaborativa.
A plantación tivo lugar este luns no Monte de Veliñas, e 21 alumnos de quinto e sexto de Primaria do CEIP A Carballeira plantaron outras tantas árbores. Profesores e monitores tamén plantaron a súa árbore ata completar un total de 40. Na súa maioría son especies de froitos silvestres, como o acibro, o sabugueiro, a raña ou o escornabois.
O Monte de Veliñas, que foi repoboado con frondosas nos últimos anos a través do plan municipal Monte Vivo, constitúe un dos mellores miradoiros naturais da parroquia. Con esta plantación preténdese aumentar a súa biodiversidade, para que se convirta nun lugar de alimento da fauna, especialmente das aves, e de interese para os visitantes, dende o punto de vista botánico e faunístico.
E finalmente, os escolares visitaron o complexo rupestre do Pornedo, guiados por un arqueólogo que lles explicou o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que pronto será unha realidade, pois xa se está a traballar na súa posta en marcha.