Organizan unha andaina polas carballeiras de Pastoriza
Por Redacción
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 14 de decembro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural das carballeiras de Pastoriza e do espazo natural de Outeiro de Campolongo.
O roteiro, terceiro e último deste outono, será circular e sairá ás 11.00 horas do aparcamento da entrada de Pastoriza, en Marín, para chegar ás 14.00 horas ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por viais rurais, camiños de pé, corredoiras, pista forestal e partes do sendeiro GR-59 de longo percorrido do Morrazo polos lugares de Pedra da Pousa, área de ribeira do rego das Gorgadas, Outeiro de Campolongo, Os Sobrosos e Pastoriza.
Por consideralos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a plataforma solicitou á Xunta de Galicia en marzo do 2012 a inclusión dos montes da parroquia de Ardán e da de Santo Tomé de Piñeiro, na proposta de ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos montes do Morrazo e Carballal de Coiro.