Falece un can abandonado nun acantilado de Marín e rescatado polo CAAN
Por Redacción
Arón foi rescatado polos responsables do Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN) na madrugada do 3 de agosto nun acantilado xunto ao paseo da Salina, no concello de Marín. Estaba nun estado gravísimo e foi hospitalizado durante 14 días, nos que recibiu tratamento veterinario. A pesares dos esforzos dos especialistas, o can faleceu.
Segundo informa CAAN, tiña serios problemas de saúde e finalmente faleceu a causa dunha recaída da enfermidade do fígado que padecía. Fora localizado nun balcón do propio acantilado, atado cunha corda duns tres metros xunto a dous comedeiros (un con auga e outro con restos de comida).
A súa presenza foi denunciada por uns particulares ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 e os operarios de Protección Civil de Marín puxeron o feito en coñecemento do centro de Armenteira, que precisou da colaboración de Protección Civil de Marín e Moaña, que aportaron unhas cordas e unha escada para poder rescatalo.
O centro tramitou 25 denuncias por malos tratos ou abandono de animais en 16 meses
O CAAN, dependente da Deputación de Pontevedra, pon a Arón como exemplo da cruz do abandono de animais. Como cara falan de Roble (ou Tiburcio), que chegou ao centro despois de ser rescatado das rúas de Mos, polas que vagaba desorientado e co risco de sufrir un atropelo ou enfermar por falta de comida e coidados.
Os seus propietarios, de Gondomar, pasaron semanas buscándoo e o 14 de agosto puideron reencontrarse con el no CAAN. Outros 200 propietarios atoparon as súas mascotas perdidas a través do centro. Fronte a esta visión positiva, nos seus 16 meses de funcionamento tramitáronse 25 denuncias por malos tratos ou abandono animais.
Para poñer freno, o centro traballa xa nunha nova campaña de concienciación para chamar a unha tenza responsable dos animais e evitar situacións de crueldade.
Relacionadas:
-
Cada día abandonan seis cans na provincia
Por Redacción |
-
Os Bolechas protagonizan a nova campaña da Deputación de Pontevedra contra o abandono animal
Por Redacción |
-
Máis de 3.000 animais rescatados e 500 adopcións, balance do CAAN no seu primeiro ano e medio
Por Redacción |
-
Un anxo da garda para Ángel
Por Redacción |
-
CAAN pide responsabilidade cidadá ante os casos de envelenamento de cans
Por Redacción |
-
Denuncian un "notable incremento" do abandono de cadelas coas súas camadas
Por Redacción |
-
Alma leva vivindo na canceira dende o primeiro día que abriu
Por Redacción |
-
Recuperan en Armenteira un animal que apareceu atrapado nun lazo ilegal para a caza furtiva
Por Redacción |