Un anxo da garda para Ángel
Por Redacción
Ángel é un dos moitos cans que cada día chegan ao Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira, dependente da Deputación de Pontevedra. Pero o seu caso é toda unha historia de sensibilidade e de afectos.
Chegou ao CAAN o 2 de agosto, da man dun particular que o atopou nun polígono do concello de Sanxenxo nun estado lamentable e que pensou que no centro de Armenteira quizais puideran facer algo pola súa recuperación.
Sarna, cegueira, articulacións inflamadas, fame... non facían albergar demasiadas esperanzas de futuro. Cando chegou ao centro case non tiña pelo, a súa pel estaba en moi mal estado, chea de costras debido á sarna xeneralizada que padecía. Apenas andaba, tiña todas as articulacións inflamadas e non podía ver, non só polas cataratas que padece debido á súa avanzada idade, senón polas úlceras corneais que presentaba en ambos os dous ollos.
Os primeiros días no centro a súa evolución non era favorable, non comía e mesmo chegou a padecer un proceso respiratorio. Parecía que cada día se apagaba un pouquiño máis, pero os veterinarios do centro puxeron todo o seu empeño en sacalo adiante.
Tamén fóra do CAAN alguén seguía a preocuparse por el. O seu rescatador chamaba a miúdo para interesarse polo seu estado e, aínda que nos primeiros días as noticias que o persoal do centro lle puido dar non eran moi esperanzadoras, pouco a pouco os esforzos e a perseveranza do persoal do centro e o carácter loitador de Ángel foron dando os seus resultados.
Decidiu adoptalo e darlle uns últimos anos de vida dignos e felices
Ángel comezou a comer e a responder ben ao tratamento. Cada semana a melloría era moi evidente e, por fin, o pelo comezou a agromar e púidose saber que era de cor canela.
Foi neste momento cando Ángel Manuel Fontán, o particular que o recollera en Sanxenxo e que nunca deixou de interesarse por el, decidiu adoptalo e darlle uns últimos anos de vida dignos e felices.
Ángel atópase agora no seu novo fogar, co anxo da garda que non só lle deu unha oportunidade de recuperarse, senón que decidiu ser o seu protector e compañeiro na recta final da súa vida.
Relacionadas:
-
Cada día abandonan seis cans na provincia
Por Redacción |
-
Os Bolechas protagonizan a nova campaña da Deputación de Pontevedra contra o abandono animal
Por Redacción |
-
Máis de 3.000 animais rescatados e 500 adopcións, balance do CAAN no seu primeiro ano e medio
Por Redacción |
-
Falece un can abandonado nun acantilado de Marín e rescatado polo CAAN
Por Redacción |
-
CAAN pide responsabilidade cidadá ante os casos de envelenamento de cans
Por Redacción |
-
Denuncian un "notable incremento" do abandono de cadelas coas súas camadas
Por Redacción |
-
Alma leva vivindo na canceira dende o primeiro día que abriu
Por Redacción |