Denuncian un "notable incremento" do abandono de cadelas coas súas camadas
Por Redacción
O Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN) denuncia que nas últimas semanas está a rexistrar un notable incremento do abandono de cadelas preñadas ou recén paridas, coas súas camadas, algo que pon en serio risco tanto a supervivencia dos cachorros como das propias nais.
Segundo os datos facilitados por este centro dependente da Deputación de Pontevedra, só no mes de abril chegaron ao centro cinco cadelas coas súas camadas, dúas preñadas e 24 cachorros que foran abandonados.
Estas nais, xunto coas súas crías, están a ser atendidas polos veterinarios do centro en dependencias illadas dos demais animais adultos e de calquera outra fonte de patóxenos, co obxectivo de evitarlle enfermidades nun momento no que son especialmente sensibles.
Os responsables do centro subliñan que estes abandonos son demasiado frecuentes nestas datas e veñen motivados porque os propietarios dos animais non desexan máis mascotas e optan por desfacerse delas da peor maneira posible. O máis frecuente é que se abandone á cadela coa intención de evitar que paira no domicilio ou ben as camadas de cachorros.
Para poñer freo a esta situación, o servizo provincial de acollida de animais está a facer especial fincapé nas súas campañas de concienciación na necesidade de esterilizar ás femias, xa que así se evitarían embarazos non desexados e os consecuentes abandonos dos animais no peor momento, cando acaban de ser nais ou están a punto de selo e precisan de toda a dedicación posible, ao igual que cando o que se abandonan son os cachorros acabados de nacer.
Calquera persoa interesada en adoptar un destes cachorros ou recibir información poderá visitar o centro, consultar a páxina web ou chamar por teléfono ao 608 975 326.
Relacionadas:
-
Un anxo da garda para Ángel
Por Redacción |
-
Falece un can abandonado nun acantilado de Marín e rescatado polo CAAN
Por Redacción |
-
Denuncian múltiples casos de abandono de cachorros e cadelas preñadas no rural pontevedrés
Por Redacción |
-
Alma leva vivindo na canceira dende o primeiro día que abriu
Por Redacción |
-
O centro de acollida de animais de Armenteira propiciou 50 adopcións nun mes
Por Natalia Puga |