Alma leva vivindo na canceira dende o primeiro día que abriu
Por Redacción
Cincocentos animais permanecen nas instalacións do Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN), á espera dun novo fogar. Entre eles atópanse seis dos oito cans recollidos no primeiro día de funcionamento do centro, como Alma, acollida no CAAN hai un ano e que busca unha persoa solidaria que queira darlle afecto.
A raza de Alma, unha pitbull terrier, fai que sexa un caso difícil para a adopción. Recollida en Vilaboa, Alma é moi agarimosa e tranquila, pero ata o de agora, non recibiu ningunha solicitude de adopción. Chegou triste e depresiva ao centro, pero o contacto coas persoas e os paseos dos seus coidadores fixeron que recuperase a vitalidade e que hoxe luza fermosa e vital como é ela, mentres agarda alguén que a reclame.
O CAAN xestiona na actualidade unha media de tres adopcións diarias
O Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira, dependente da Deputación de Pontevedra, xestiona na actualidade unha media de tres adopcións diarias. Esta cifra triplica á dos primeiros meses de funcionamento do centro e é o resultado das campañas de concienciación en contra do abandono de animais e a prol da adopción, iniciada a finais do pasado ano e que nestes momentos se están a desenvolver en diversos colexios de infantil e primaria da provincia de Pontevedra.
Cando se cumpre un ano da posta en marcha deste centro, ao que están adheridos 48 concellos da provincia, lévanse realizado máis de 2.000 intervencións, 340 animais atoparon un novo fogar e outros 286 puideron regresar cos seus donos.
ÿ dicir, o CAAN conseguiu que 626 animais que deambulaban polas rúas co conseguinte perigo tanto para eles como para as persoas, estean agora nun fogar.
Estes datos demostran a capacidade do centro de dar resposta a un serio problema que afecta tanto ás persoas coma aos propios animais e aos concellos, que son os que teñen a competencia nesta materia e que, moitas veces, carecían de recursos para xestionar a retirada e coidado dos animais abandonados.
Malia todo, o éxito destas instalacións non está tanto no aforro económico que lle supuxo ás arcas municipais (que nalgúns casos se situou en torno ao 70%) senón, sobre todo, na intensa labor de concienciación a prol dunha tenza responsable e o fomento das adopcións.
Das máis de 2.000 intervencións que o centro realizou nestes primeiros meses, o maior número (538) centráronse na comarca de O Salnés, motivado en boa medida polo elevado número de abandonos que se realiza no contorno da canceira. De feito, das 538 realizadas, 141 fixéronse en Meis. Tamén son destacables nesta comarca, as intervencións realizadas en Vilanova, con 111.
REENCONTRO COA FAMILIA
Especialmente relevante está a ser o incremento das adopcións, que os responsables do centro queren seguir impulsando tanto con campañas específicas como a través da páxina web, que superou xa as 7.000 visitas en 6 meses.
Ademais das adopcións, o CAAN resultou tamén de moita utilidade para os propietarios de 286 cans extraviados, que puideron por medio deste centro dar coa súa mascota.
Destes, o 55% non tivo que ser trasladado ao centro porque tiñan o correspondente microchip e puideron ser localizados no momento. Situación diferente foi a do 45% restante, 130 cans que carecían do obrigatorio microchip e para os que foi máis complicado reencontrarse co seu dono.
Iso si, se volven perderse será moito máis doado volver ao seu fogar, toda vez que todo animal que pasa polo CAAN sae del completamente identificado.
Só o 15% dos animais recollidos no CAAN tiñan microchip
Sÿ UN 15% CUMPRE COA LEI
Neste sentido, cómpre ter en conta que só o 15% dos animais recollidos no CAAN tiñan microchip, o que demostra que, sexa por descoñecemento ou conscientemente, hai un elevadísimo incumprimento da lexislación vixente en materia de tenza de mascotas. De feito, os datos do centro demostran tamén que na provincia de Pontevedra hai unha alta taxa de abandono de cans, acadando nalgunhas comarcas os cinco abandonos por cada 1.000 habitantes (cando a cifra que barallan os estudos a nivel nacional é de dous abandonos por cada 1.000 habitantes).
Neste primeiro ano de funcionamento, o CAAN constatou que o maior número de abandonos se situou nos meses de outubro e novembro, algo que contrasta coa crenza popular de que os abandonos se concentran no remate das tempadas de caza. Tampouco os animais recollidos son maioritariamente cans de caza, senón que os hai de todos as razas, o que evidencia que o problema é xeneralizado.
DENUNCIAS
Por este motivo, o centro de acollida da Deputación traballa tamén na denuncia das condutas irresponsables e do maltrato e ten xa realizados 11 requirimentos a propietarios, 14 denuncias por infraccións administrativas ou penais relativas á tenza de cans, e tres colaboracións coas forzas da orde na investigación de envelenamentos.
Destaca tamén que entre o 10 e o 15% dos animais recollidos presentaban lesións ou enfermidades graves, derivadas de actuacións neglixentes, maltrato ou accidentes de tráfico. Todos eles foron tratados polos veterinarios do centro e moitos atoparon un novo fogar.