2.000 rapaces participan nunha campaña de concienciación contra o maltrato animal
Por Redacción
Veterinarios do Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN) e membros das protectoras Peludos sen Fogar e Adopciones Galicia están a desenvolver unha campaña de concienciación contra o maltrato animal e sobre a tenza responsable de animais domésticos en diversos colexios de educación infantil e primaria da provincia de Pontevedra.
A campaña, impulsada pola Deputación provincial, busca que os máis pequenos se impliquen nos coidados que supón ter unha mascota na casa. Unha das preguntas máis frecuentes polos nenos participantes era sobre o paradoiro de mascotas que desapareceran.
Durante o mes de marzo, máis de 500 escolares de entre 3 e 12 anos participaron nestas actividades, que se desenvolveron nos colexios Álvarez Limeses e San Benito de Lérez de Pontevedra. Nas próximas semanas, outros centros como A Xunqueira II de Pontevedra ou o CEIP de Armenteira, en Meis, acollerán estes obradoiros. Dende a Deputación espérase que 2.000 nenos participen nesta campaña antes de que finalice o curso.
Ademais estas actividades englóbanse dentro dun plan máis amplo que ten como finalidade fomentar as adopcións e sensibilizar ao conxunto da poboación en relación coas mascotas.
Calquera persoa interesada en adoptar un can a través do CAAN pode visitar o centro situado en Meis, consultar a súa web ou chamar ao teléfono 608.975.326 para obter información dos trámites para recoller, de forma gratuíta, algún dos animais que se encontran neste centro.