Recuperan en Armenteira un animal que apareceu atrapado nun lazo ilegal para a caza furtiva
Por Redacción
O Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN) de Armenteira rescatou un can abandonado atrapado nun lazo utilizado para a caza furtiva nunha parroquia de Redondela e os veterinarios, que bautizaron ao novo inquilino do centro como Pegaso, están a tratalo das feridas que sufriu.
Segundo informou a Deputación Provincial de Pontevedra, impulsora do centro, o CAAN foi alertado polos veciños da parroquia de Cedeira, en Redondela, da presenza dun can que estaba atrapado nun lazo no medio dun regato, polo que os servizos veterinarios do centro acudiron de forma inmediata ao lugar para tratar de liberar e salvar ao animal.
Os veterinarios acudiron acompañados de dous axentes ambientais da Consellería de Medio Ambiente e, unha vez valorada a situación, adoptaron a decisión de anestesiar ao animal para poder liberalo do lazo. Posteriormente, procederon ao traslado do can ao centro de Armenteira, onde agora se recupera dos danos sufridos. Constataron tamén que carecía de identificación electrónica.
Denuncian a proliferación de lazos ilegais que atrapan animais nas zonas rurais
Esta non é a primeira vez que os técnicos do servizo provincial de acollida de animais abandonados se atopan cun animal con serias feridas como consecuencia do uso ilegal de lazos. Neste sentido, o centro denuncia a proliferación destes aparellos nas zonas rurais e lembra que a instalación dos mesmos é unha conduta totalmente irresponsable e ilegal.
Recentemente tamén fora rescatado Kurt, un can atopado en Lalín e que sufría serias lesións despois de quedar atrapado en dous lazos. Kurt tiña un dos lazos incrustado no pescozo e outro nunha pata, pero o labor dos profesionais do centro conseguiu recuperar o animal e atoparlle un novo fogar en Ribeira.
Agora é Pegaso o que agarda por unha familia que adopción. Calquera persoa que estea interesada tanto en adoptar a Pegaso como a calquera dos animais que se atopan nas instalacións da Deputación en Armenteira pode visitar o centro, consultar a páxina web ou chamar por teléfono ao 608 975 326, onde será puntualmente informada.
Relacionadas:
-
Falece un can abandonado nun acantilado de Marín e rescatado polo CAAN
Por Redacción |
-
O centro de acollida de animais de Armenteira propiciou 50 adopcións nun mes
Por Natalia Puga |
-
Salvan unha cadela despois de comer penso envelenado nunha rúa de Portonovo
Por Redacción |
-
O Centro de Recollida de Animais da Armenteira denuncia a aparición dun can envelenado en Barrantes
Por Redacción |