O Centro de Recollida de Animais da Armenteira denuncia a aparición dun can envelenado en Barrantes
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Durante a mañá deste mércores 9 de outubro, o Centro de Recollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN), recibía unha chamada do Concello de Ribadumia para recoller un animal en Barrantes. Segundo informaban dende ese concello, o can abandonado presentaba síntomas de posible envelenamento.
Un dos operarios do CAAN desprazouse de forma urxente ao lugar indicado pero encontrouse o animal morto á súa chegada. Tras revisar o seu estado comprobou que mostraba evidentes signos de envelenamento e de sufrimento antes de falecer.
Dende o CAAN alertan de que se se encontra ao autor deste acto se fai unha falta administrativa grave á Lei de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade de Galicia, o uso non autorizado de velenos no medio natural está tipificado como delito no Código Penal. Neste sentido, dende o Centro de Recollida trasladouse a notificación da morte ao Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas.
Dende este centro en Armenteira, recórdase que ademais do tratamento de animais abandonados, se realizan labores de denuncia de todas aquelas posibles faltas ou infraccións ás normativas de protección animal.