Yuri, Charles... e Rufo. Terceiro futbolista que repite 'hat-trick' co Pontevedra no que vai de século
Por Diego Espiño
Un domingo como o que xa non se lembraba no Estadio Municipal de Pasarón. O Pontevedra Club de Fútbol non só conseguiu fronte ao Langreo a súa vitoria máis avultada dos últimos anos (desde o 0-8 en Bertamiráns en 2015 xogando en Terceira División), senón que viviu en directo de novo un 'hat trick' ou triplete dun dos seus xogadores, un fito pouco habitual.
Por iso por encima de todos sobresaía no coliseo pontevedrés o sorriso de Rufino Familiar Sánchez 'Rufo'. O ariete madrileño poñía fin á súa mala serie particular con máis dun ano sen marcar un gol en xogada en partido de liga, desde o 11 de setembro de 2022 contra o Talavera (marcaría outro de penalti contra a UD Sanse na xornada 34), e facíao ao grande.
Moi participativo desde o inicio, Rufo buscaba con insistencia o tanto. Rozouno primeiro nun remate ao primeiro toque e despois cun control e disparo coa zurda que marchou pegado ao pau. Á terceira foi a vencida e de cabeza pasada a media hora de xogo bateu ao gardameta asturiano. Foi unha liberación, tanto que tras esa xogada todo foi como unha seda. Sen esa mochila, na segunda metade viuse ao mellor Rufo dos últimos meses, esquecidos os problemas físicos que lle chegaron a martirizar. Control na área á media volta e recurso de punteira de gran dianteiro anticipándose á zaga para facer o seu segundo gol, e remate coa zurda axustado ao pau para o terceiro levantando á bancada.
Tempo para os resumos da 2ª RFEF
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) September 18, 2023
Comezamos coa goleada do @PontevedraCFSAD diante do @UPLangreo (6-0)
@rufinho9 marcou unha tripla
Garay (golazo), Yelko e Hermelo tamén marcharon con cadanseu tanto pic.twitter.com/znLDvYgH8C
"Estou contento por poder axudar aos compañeiros, máis feliz que antes e agora a seguir así", afirmou en rolda de prensa tras o choque recoñecendo que "o equipo xeraba moito e estaba atrancado, pero hoxe estivo ofensivamente incrible", liberándose como dianteiro da "presión engadida" porque "ao final o equipo fai un traballo para xerar ocasións e que o ti as metas, aínda que é traballo de todos".
É o segundo triplete de Rufo coa camiseta do Pontevedra, máis de tres anos despois daquel 1 de marzo de 2020, xusto antes de que explotase a pandemia, contra o Real Madrid Castilla. O día en que a inchada coreou por primeira vez o seu nome con todas as súas forzas.
Non é habitual marcar un 'hat trick' e moito menos repetir. De feito o 9 granate é o terceiro que o consegue no presente século, tras dous nomes xigantes como os de Yuri de Souza e o seu gran amigo Charles Dias.
No gran Pontevedra aspirante a todo en Segunda B de principios do século XXI, Yuri asinou un triplete en outubro de 2005 na goleada a domicilio contra o Negreira (0-4) e outro en xaneiro de 2007 no 5-1 sobre o Orientación Marítima. Pola súa banda Charles foi o autor dos tres goles ao Alcorcón en abril do 2006 (3-1) e asinou tres dianas no estadio Anxo Carro o 13 de febreiro do 2010 contra o Lugo (2-4).
Na Segunda División B, agora Segunda RFEF, só un home máis asinou un 'hat-trick' en liga coa granate este século. Foi Javi Rodríguez na fase de ascenso da tempada 2002-2003 no feudo do Barakaldo, nun partido que acabou con vitoria pontevedresa por 3-4.
Nos anos de Terceira División máis futbolistas sumáronse a esta honra, algúns mesmo cun 'póker', como Jorge Rodríguez no 0-8 fronte ao Bertamiráns (29 de marzo de 2015) ou Jacobo Millán nun 5-0 fronte ao Narón (24 de febreiro do 2013). Tamén Tubo conseguiu un triplete contra o Betanzos na campaña 12-13 e Yago contra As Pontes na 11-12, o día no que club pontevedrés festajaba o seu 70 aniversario.
Relacionadas:
-
O Pontevedra xogará un partido de homenaxe a Yuri de Souza contra a Ponferradina
Por Diego Espiño |
-
Marcos Barbeiro pasará polo quirófano
Por Diego Espiño |
-
Empate do Pontevedra contra un Cayón que terminou con nove xogadores (1-1)
Por Redacción |
-
O Cayón, un equipo "incómodo e moi intenso a nivel defensivo" que porá as cosas difíciles ao Pontevedra
Por Almu Dapena |
-
Samu Mayo e o seu futuro no Pontevedra: "Ascender e o ano que vén consolidarse en Primeira RFEF, esa é a miña idea"
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, tras a goleada ao Langreo: "É a liña que queremos, tanto en casa como fóra"
Por Almu Dapena |
-
Festín goleador do Pontevedra á conta do Langreo (6-0)
Por Almu Dapena |
-
Benjamín Garay: "Confiamos todos en que os resultados van chegar"
Por Diego Espiño |
-
Un Pontevedra de máis a menos regala un empate ao Valladolid Promesas (1-1)
Por Almu Dapena |