Unha fractura nun dedo do pé pon en perigo o mundial de longa distancia para Pablo Dapena
Por Manu Otero
Os peores presaxios para Pablo Dapena cumpríronse. O triatleta pontevedrés tivo que baixar o ritmo de adestramentos hai uns días por unha intensa dor no pé dereito e este mércores a resonancia magnética á que foi sometido revelou unha fractura "pequena" por estrés no terceiro metatarso do terceiro dedo do pé.
O deportista do BMC Prol Team xa falara do seu temor hai uns días nas súas redes sociais, canle que empregou para confirmar a súa lesión. "Os dous últimos anos non están a ser moi positivos en canto a lesións", recoñecía o pontevedrés que xa temía a pasada semana que se trataba dunha rotura.
Este revés obrigarao a parar durante "6 ou 8 semanas", recoñecía durante a súa intervención no podcast Tríatlon en Vena a pasada semana. Por iso vese obrigado a dicir adeus á súa participación nunha proba en Gran Canaria prevista para o mes de abril e que lle serviría de preparación para o mundial de longa distancia do mes de maio en Eivissa.
O seu concurso nunha das probas máis importantes da tempada non está descartada e dependerá da evolución da súa lesión. No mellor dos casos, Dapena volverá traballar con normalidade a mediados do mes de abril e dispoñerá dunha marxe dunhas tres semanas para preparar a súa participación na cita mundialista prevista para o 7 de maio na illa do arquipélago balear.
A pesar da mala noticia, recoñece o pontevedrés tela asumido dunha mellor maneira que en ocasións anteriores. "Meterse na burbulla da negatividade non arranxa nada, o que teña que vir virá. A recuperarse e a pensar noutros obxectivos", concluíu o triatleta na súa participación no programa especializado, no que falou tamén da celebración da final das series mundiais en Pontevedra e do problema que supón para este evento e os deportistas da cidade ter pechada a piscina olímpica de Rías do Sur.
Relacionadas:
-
Pablo Dapena e a cara B do deporte de elite: "Sentín ansiedade e a miña cabeza desconectouse do corpo"
Por Diego Espiño |
-
Vitoria de Pablo Dapena na súa volta á competición no Mallorca Olympic Triathlon
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena evita poñer data ao seu regreso á competición: "O primeiro de todo é volver estar en forma e san"
Por Diego Espiño |
-
Un concerto de Tanxugueiras para iniciar a conta atrás para Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon
Por Almu Dapena |
-
Pablo Dapena e Cristian Fernández únense á Triarmada para o Mundial Multideporte de Eivissa
Por Redacción |
-
Pablo Dapena renova co equipo BMC: "Non me esperaba poder estar catro anos neste equipo"
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena pecha a tempada cun segundo posto no Ibiza Half Triathlon
Por Almu Dapena |