De remontada en remontada ata o liderado
Por Diego Espiño
Se algún aspecto caracteriza o Pontevedra Club de Fútbol de Ángel Rodríguez é a perseveranza. Só así pode explicarse que nunca baixase os brazos nunha persecución que por momentos parecía imposible ante a solidez do líder Unión Adarve, superando fases de malos resultados ou dúbidas no seu xogo e, sobre todo, remontando partidos que se puxeron costa arriba.
Nas dúas últimas xornadas na casa, ante o propio Adarve e fronte ao Real Avilés, os granates tiveron que remontar ata en dúas ocasións un marcador desfavorable, demostrando unha enteireza mental que lles fixo colocarse por primeira vez en 29 xornadas como primeiros da táboa, en posto de ascenso directo, cando só restan cinco encontros para o final da competición.
O gol de Charles co ombreiro, no minuto 87, poñía a guinda a un deses partidos de garra e superación que tanto gustan ao público de Pasarón, entregado ao seu equipo, pero é a culminación dunha serie de remontadas que lle deron ao equipo pontevedrés ata 17 puntos ao longo do curso.
Ata en sete encontros o Pontevedra viuse en desvantaxe e logrou sobrepoñerse para sumar, con cinco vitorias e dous empates.
Todo empezou na quinta xornada do campionato, co equipo aínda sen conseguir un triunfo que lle fixese despegar, na visita do Arenteiro a Pasarón. O conxunto do Carballiño adiantouse con dous goles no primeiro tempo que facían temer o peor na bancada e no palco, sementando de dúbidas sobre o futuro do equipo. Con todo foi a primeira demostración de rabia do plantel granate, que rabuñou un punto na segunda metade cun dobrete de Charles. Foi unha semana antes de vencer en Luanco e comezar unha serie de bos resultados que fixo aos de Ángel Rodríguez ir gañando posicións ata colocarse ao ronsel do líder Adarve.
A segunda data na que se volteou un marcador foi na novena xornada, de novo na casa e fronte a un Coruxo que tomou vantaxe no primeiro tempo. Non foi ata o tramo final cando Charles conseguía igualar antes de que Javi Rey, no tempo de desconto, culminase a fazaña cun tanto de cabeza á saída dun córner.
Fóra da casa, a primeira vez que se salvaron puntos tras verse por detrás no electrónico foi en Langreo, na xornada 14, nun encontro que comezou cun tanto de en propia meta de Charles que o propio dianteiro brasileiro compensou con dous tantos, un antes do descanso e outro de penalti no último minuto do tempo regulamentario.
Xa no mes de xaneiro, o Palencia comezou dominando en Pasarón, pero os granates reaccionaron con contundencia con catro goles que non deron pé ao seu rival.
Así se chegou aos últimos partidos en pleno punto álxido da persecución do liderado nos que o Pontevedra rascou un punto no Vao fronte ao Coruxo tras comezar perdendo, e que puideron ser tres de non ser polo gol na prolongación dos locais, xunto ás citadas remontadas que terminaron de impulsar aos da Boa Vila contra o Unión Adarve e o Real Avilés.
Agora quedan por diante cinco finais co obxectivo do ascenso, e aínda que a afección pontevedresa gozou moito das últimas proezas do seu equipo, seguro que o corazón de máis dun pide aos seus menos emocións fortes. Claro que o importante é seguir sumando, como sexa, para conseguir o ansiado obxectivo.
Relacionadas:
-
O Pontevedra recupera o liderado cun triunfo merecido e sufrido fronte ao Langreo (3-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Martín Diz, un vilagarcián que se estrea na Lomba... de visitante: "Vai ser especial"
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez pide "afrontar o partido como uno máis" ante o Arosa
Por Diego Espiño |
-
O Arosa envía ao Pontevedra 300 entradas para o derbi da Lomba
Por Redacción |
-
Unha comuñón equipo-afección clave para Churre :"Están a darnos ese plus que en certos minutos fainos falta"
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez: "Cando Pasarón se envorca co seu equipo, dálle unha inxección de moral aos xogadores"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Remontada épica e liderado granate (3-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |