Épica remontada do Pontevedra despois dunha primeira parte terrorífica (2-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz
Tarde de Halloween e en Pasarón viuse unha película de suspense. Parecía de terror, polo visto no primeiro tempo, pero concluíu con final feliz. Os granates obsequiaron á súa afección cun triunfo dos que gustan a beiras do Lérez, remontando a base de bo xogo e paixón.
A primeira parte non tivo moita historia e tampouco fútbol. O descoido de Soto en saída de balón que castigou o Coruxo cun tanto foi o único reseñable. Pero na segunda, o Pontevedra quitou o pé do pedal de freo e esmagou ao cadro vigués contra a súa propia portería. Tardou en chegar o empate, pero o Pontevedra nunca perdeu a fe e acabou celebrando un merecido triunfo.
Puido torcerse o partido para o Pontevedra no primeiro minuto de xogo. Un córner para os granates desembocou nun perigoso contragolpe do Coruxo, que saíu a toda velocidade cara á área de Cacharrón, onde recibiu Martín moi escorado no dereita pero aínda así logrou conectar un disparo que se estrelou na parte superior do traveseiro.
Aínda que empezou o partido con dúas perigosas chegadas á área, unha para cada equipo, o ritmo non tardou en decaer. Entrou o choque nunha fase de loita no centro do campo, sen ocasións para ningún dos equipos e cos vigueses dominando o esférico.
Aos poucos, o Pontevedra ía tomando o pulso ao duelo, adiantando as súas liñas de presión e comezando a roubar en campo alleo. Foi así como, pasado o minuto vinte de partido, protagonizou o seu primeiro achegamento con perigo á meta de Alberto a través dun centro lateral de Rubio que Romay cabeceou frouxo ás mans do meta vigués. Logo, noutra boa xogada colectiva, Seoane atreveuse cun lanzamento afastado que saíu moi alto.
Pero cando máis cómodos sentían os locais, golpeou o Coruxo. Soto equivocouse na saída de balón e acabou perdendo o balón na súa propia área #ante a presión de Diego Silva, que fixo unha parede con Martín e plantouse só diante de Cacharrón, que chegou a tocar o remate raso do ariete.
Co marcador en contra, o Pontevedra botouse arriba en busca do empate, pero os granates seguían sen ideas para romper as dúas liñas defensivas do Coruxo.
Tras o paso por vestiarios, a cara dos granates cambiou de forma radical. Ese equipo que no primeiro tempo apenas pisara a área rival, saíu desbocado a por o empate e, durante un cuarto de hora, encerrou ao Coruxo na súa propia área.
Os de Ángel Rodríguez tiveron ocasións de todas as cores. A primeira tivo a Seoane e Yelko como protagonistas. O lateral recortou na área e puxo un pase raso ao momento de penalti que empalmó Pino con tan mala sorte que o seu remate estrelouse contra a cabeza de Romay.
Acto seguido, Brais Abelenda filtrou un balón a Romay, que deixou sentado a Alberto e entregou o balón a Yelko, pero cando ía empuxar o balón á rede apareceu a bota salvadora do gardameta Alberto para desbaratar a oportunidade.
E sen deixar respirar ao Coruxo, novamente Seoane puxo outro centro que acabou nas botas de Yelko Pino, cuxo remate mordido aproveitou Charles para desvialo coa punteira, pero de novo Alberto rexeitou o balón, que quedou solto na área pequena pero o ariete brasileiro non puido chegar a empuxalo.
O Pontevedra seguía buscando o empate por todos os medios e puido chegar desde o punto de penalti, pero o colexiado non viu a cambadela sobre Brais Abelenda cando encaraba ao porteiro. O ex do Compostela puido empatar logo ao rematar un centro desde a dereita, pero a súa volea saíu alta.
Comezaba o Pontevedra a desesperarse pola súa falta de acerto. Ademais, o Coruxo logrou arrefriar o partido a base de faltas, perdas de tempo e cambios. Foi así como o choque entrou noutra fase de val sen xogadas de perigo.
Era a calma antes da tempestade. O Pontevedra recuperou forzas e unha boa triangulación por banda dereita acabou nun preciso centro ao segundo pau de Brais onde agardaba Charles para, por fin, poñer o empate no marcador cun soberbio cabezazo picado.
Non se conformou o Pontevedra co empate, o equipo seguiu buscando o triunfo e foi ese ímpeto o que lle puido dar un desgusto se Borja Domingo estivese un pouco máis acertado en remate en ferro, que Cacharrón atallou sen complicacións. Máis mérito tivo na súa segunda intervención do segundo tempo ao voar para despexar a córner un potente cabezazo do cadro visitante á saída dunha falta lateral.
Nos minutos finais e cando as pernas, polo esforzo e a choiva, comezaban a fraquear, o Pontevedra tirou de caste e corazón para buscar a vitoria. Os granates comezaron a colgar balóns á área coa esperanza de que alguén a cabecease ao fondo da rede. Con esa idea deu entrada no minuto noventa, Rodríguez a Javi Rey. E o mediocentro pontevedrés cumpriu a misión, a súa cabeza emerxeu de entre todas as demais á saída dun corner para facer o tanto da vitoria.
Un tanto que fixo saltar de alegría a todo o estadio e que todo o equipo, banco incluído, celebrou nunha enorme piña. Porque este Pontevedra, como dixo o propio adestrador ao finalizar o partido, está a afacerse a gañar. De todas as formas posibles e, con esta remontada, xa van catro seguidas.
PONTEVEDRA CF (2): Cacharrón, Seoane, Churre, David Soto, Álex González; Miguel Román, Yelko Pino (Iñaki, min 90), Brais Abelenda (Javi Rey, min 89), Alberto Rubio (Oier Calvillo, min 68); Romay (Martín Diz, min 68), Charles
CORUXO (1): Alberto; Antón de Vicente, Antonini, Crespo, Chiqui; Jacobo Trigo, Álex Ares (Garci, min 70); Martín (Sanda, min 70), Mateo (Gandoy, min 62), Aitor Aspas; Diego Silva (Borja Domingo, min 62, Manu, min 90)
Árbitro: Éder Mallo Fernández, auxiliado nas bandas por Madrigal Pérez e García Presa (Castela e León), amoestou a Álex Ares e Martín por parte do Coruxo e a Miguel Román polo Pontevedra
Goles: 0-1, min 35, Diego Silva, 1-1, min 73, Charles. 2-1, min 90, Javi Rey
Incidencias: Partido correspondente á novena xornada de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón diante duns 1.500 espectadores.
Relacionadas:
-
O Unión Adarve acaba coa xeira positiva do Pontevedra (2-1)
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez avisa: "Se hai relaxación, hai saída do once"
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez, a un triunfo de entrar no selecto club dos cinco
Por Manu Otero |
-
Charles, 'de cabeza' á pelexa polo pichichi
Por Diego Espiño |
-
O Coruxo, ameaza para un Pontevedra en xeira positiva: "Non podemos baixar a garda ante ningún rival"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra resolve en Segovia en 10 minutos e segue crecendo (0-2)
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra festexa, Charles e Rufo golean (3-0)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |