Azael García, novo xogador do Pontevedra: "Veño coa mentalidade de xogar en Pasarón coa presión encima. Motívame"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Azael García López, xogador lucense de 19 anos, xa é novo xogador do Pontevedra Club de Fútbol ata finais desta tempada. Ocupará ficha sub-23.
O xogador, procedente do Valencia Mestalla, era presentado por Charles Días, secretario técnico do club, este martes na sala de prensa do estadio de Pasarón.
Charles recoñeceu que o club granate levaba desde principios de tempada seguíndoo e non se puido incorporar porque o Valencia Mestalla non o permitiu daquela. "Neste mercado xurdiu a posibilidade e creo que hai que agradecer ao Valencia que deixe vir o xogador, que tamén quería vir", afirmou.
Azael García admitiu que quixo vir á entidade granate porque "o Pontevedra é un club dos mellores de Galicia, está entre os tres primeiros". Expresou de maneira contundente que "Pasarón é a ostia" e que vén seguindo ao conxunto que dirixe Yago Iglesias: "vese que ten un gran equipo pola clasificación e os resultados. Iso foi primordial".
Tamén destacou que desde o Pontevedra CF insistiron en que se incorporase. "Tiñan confianza en min. Agora teño que devolvela no terreo de xogo", asegurou Azael, que se pon como obxectivo o ascenso.
"O meu estilo de xogo é ter o balón, a posesión do partido e ser verticais no terreo de xogo", definiuse o centrocampista que leva desde o mércores 10 na cidade.
Charles explicou que Azael ten a posibilidade de xogar polas dúas bandas e tamén detrás dun punta. Engadiu que se trata dunha incorporación na liña do club que busca xogadores que teñan a posibilidade de ocupar varias posicións. Tamén quixo destacar a calidade do xogador de Lugo: "gústalle ter o balón, con desenvoltura. Oxalá dea a súa mellor versión aquí" e lembroulle a presión que supón xogar en Pasarón.
A este encontro coa afección granate, o xogador indicou que "desde que cheguei aquí eu estou dispoñible, coa mentalidade de xogar en Pasarón coa presión encima. Iso a un xogador como eu motívalle".
PRÓXIMAS INCORPORACIÓNS
O secretario técnico volveu mostrarse esquivo ao ser preguntado sobre novas incorporacións neste mercado de inverno.
"Pode ser que si, pode ser que non", respondeu Charles Días.
A continuación, admitiu que se está "traballando moito" nas oficinas do club e "ao longo dos próximos días seguramente haberá cousas", manifestou deixando a porta aberta a novos reforzos para o persoal que dirixe Yago Iglesias.
Relacionadas:
-
O dianteiro Fran López, reforzo para o filial granate
Por Diego Espiño |
-
A sorte sorrí o Pontevedra para recuperar o liderado (3-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Valladolid Promesas chega a Pasarón como "un dos mellores visitantes da categoría"
Por Almu Dapena |
-
Ángel Bastos: "Temos ganas de volver a Pasarón, a nosa casa, onde podemos despregar o noso potencial"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Azael García incorpórase aos adestramentos do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Azael García ficha polo Pontevedra ata final de tempada
Por Almu Dapena |
-
Yago Iglesias: "É o momento no que o equipo máis que nunca vai necesitar do colectivo"
Por Diego Espiño |
-
Rufo queda sen un dos seus principais rivais polo 'pichichi' da Segunda RFEF
Por Diego Espiño |