O CAAN pon en marcha un proxecto de familias de acollida para cans recén nados
Por Oskar Viéitez
O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN), dependente da Deputación de Pontevedra, puxo en marcha un proxecto de casas de acollida no que persoas voluntarias están a coidar e alimentar con biberón a cachorros recén nados que necesitan alimentarse con leite. Unha vez que xa poden alimentarse con penso, regresan ás instalacións da Armenteira.
A primeira vez que se puxo en marcha foi en febreiro, cunha camada de seis cachorros rescatados en Meis que pasaron tamén pola mesma casa de acollida, e amais atoparon xa un novo fogar desde alí antes de regresar ao CAAN.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que está é "unha boa forma de implicar a sociedade neste bo trato aos animais que nos acompañan".
O primeiro cuatrimestre deste 2023 está volvendo amosar unha enorme concienciación cidadá na adopción de animais e, deste xeito o CAAN logrou dar saída a un total de 227 cans desde o 1 de xaneiro ao 30 de abril, unha cifra que deixa unha media de case 2 animais por día (1,8).
Galicia e os municipios da provincia seguen a liderar o número de adopcións, aínda que unha vintena de animais viaxou a outras comunidades do territorio nacional, a maioría a Castela e León.
Con estas cifras, o CAAN vén de superar as 4.000 desde o ano 2015.
O Concello con máis adopcións na provincia foi Vigo (24), seguido de Pontevedra (20) e Meis, Nigrán e Redondela, con 8. Por outra banda, tamén están entre os que máis adopcións acadaron Sanxenxo, con 7, Ribadumia e Cambados 5 e A Estrada, Lalín e Poio, 4.
O dato negativo vén da man das recollidas. Desde o pasado 1 de xaneiro foron un total de 460, aínda que case a metade destes animais puideron ser recuperados polos seus propietarios, ben no lugar onde se produciu o aviso (147) ou ben no propio centro (74).
Porén, seguen producíndose lamentables episodios de abandono e maltrato, o máis recente a pasada semana, en que o CAAN rescatou a tres cachorros no municipio de Covelo que foran deixados nun saco de penso xunto a un colector de lixo. Un deles faleceu xa no centro, mentres que as dúas femias recollidas, Xoldra e Naira, dunha semana de vida, seguen evolucionando favorablemente.
Relacionadas:
-
Rescatan catro cachorros abandonados nunha caixa ao carón dun contedor de lixo de Vilaboa
Por Redacción |
-
504 animais do CAAN da Deputación foron adoptados neste 2023
Por Anxo Lourido |
-
Tina e Tralará poñen rumbo aos seus novos fogares tras ser atendidas no CAAN
Por Redacción |
-
Rescatan seis cachorros que foron abandonados nun contedor de Moraña
Por Redacción |
-
A adopción de Rocky é a número 300 no que vai de ano na protectora provincial
Por Redacción |
-
A subida de prezos leva á protectora Os Palleiros a cobrar 80 euros por adopción
Por Redacción |
-
Rescatan unha camada de sete cachorros arroxados nun terraplén
Por Redacción |
-
De Sanxenxo a Rianxo, tras converterse no avó do CAAN
Por Redacción |