O Concello de Moraña alegará contra os parques eólicos de Anduriña e de Zudreiro
Por Redacción
Tres proxectos de parques eólicos afectan ao Concello de Moraña. O de Acival xa conta con licenza e comezará a súa construción proximamente, segundo indica o goberno local. "Contra o de Acival xa non podemos facer nada", explica o alcalde José Cela.
Agora o obxectivo é frear os outros polígonos eólicos previstos, Anduriña e Zudreiro. "Faremos o que estea na nosa man como Concello", indica o rexedor tras recibir este luns o informe no que se recollen os argumentos encargado a unha empresa consultora para presentar as alegacións ao proxecto de Anduriña.
A empresa Tysgal, encargada do informe, elaborou o documento que se atopa a exposición pública ata o mércores 8 de marzo. As principais conclusións céntranse nos seguintes puntos:
- Entende que o Plan Sectorial Eólico de Galicia, polo que se regulan os proxectos eólicos na comunidade, carece dunha avaliación ambiental estratéxica.
- O parque de Anduriña non se atopa debidamente xustificado como de "interese para Galicia", ao non acreditar de maneira fidedigna que o parque cumpra unha función vertebradora do territorio ou axude ao impulso da economía local ou á mellora demográfica. Lembran, neste punto, que xa existe outro parque con licenza (Acival) que se realizará na mesma Área de Desenvolvemento Eólico.
- No proxecto, indican, non se valora a repotenciación, un requisito que segundo o Plan Integrado de enerxía e Clima do Goberno estatal é esencial para a posta en marcha de novas instalacións eólicas.
- Consideran que non se incluíu na exposición pública do estudo ambiental a infraestrutura de evacuación do parque.
- Destacan que a localización do parque atópase moi próxima a núcleos de poboación, lembrando que Picota e Pedrado están a menos de dous quilómetros dos futuros aeroxeradores.
- Tamén alegan a posibilidade de perda de solo forestal aproveitable e sinalan que existe pouca información para as persoas propietarias dos terreos, xa que carecen de acceso á relación das parcelas que se verán afectadas polo proxecto.
- Ademais recollen no escrito que os viais de acceso ao parque afectarían a outros montes veciñais en man común de Moraña como o de Amil ou o de Acibal de Rebón, con posibilidade de comprometer o seu aproveitamento actual.
- Por último, o informe avalía o posible impacto ambiental nas Brañas de Amil, zona caracterizada pola diversidade de flora e polos humidais. Entenden que afectaría a elementos patrimoniais como petróglifos ou á celebración de Rapa das Bestas de Amil, ao afectar a contorna en que se crían e viven os cabalos salvaxes.
O alcalde sinalou que agora se elaborará un informe para traballar nas alegacións en relación co caso do parque de Zudreiro, proxecto que esperan que salga a exposición pública en breve.
Relacionadas:
-
Veciños de Amil reportan oito novos casos de patrimonio en perigo polas obras do parque eólico no monte Acibal
Por Redacción |
-
Urxen un informe a Augas de Galicia sobre como afectará o parque eólico de Acibal ao Pontillón do Castro
Por Juan Manuel García Tajes & Anxo Lourido |
-
Veciños de Amil, Xeve e Campo Lameiro solicitan a paralización das obras do parque eólico do Acibal
-
Moraña rexeita ser "terra de sacrificio" nun concorrido Pleno sobre os parques eólicos
Por Oskar Viéitez |
-
Reunións informativas en Xeve e Amil sobre os polígonos eólicos proxectados
Por Redacción |
-
Presentan máis de 600 alegacións ao proxecto do Parque Eólico de Monte do Pé
Por Redacción |
-
Unión entre os veciños de Amil ante a preocupación por tres parques eólicos
Por Redacción |