Alertan de que máis do 80 % das mámoas do Morrazo está en risco polos proxectos eólicos
Por Oskar Viéitez
Un informe difundido pola 'Plataforma Eólicos no Morrazo Non' sobre o patrimonio cultural da comarca afectado pola Área de Desenvolvemento Eólico (ADE) alerta de que máis do 80 % das mámoas desta comarca está en risco polos proxectos eólicos.
Sinalan que no proxecto de parque eólico promovido por Arena Power no caso da mámoa da Chan do Gagán "unicamente 13 metros separan o seu contorno de protección do voo das pás do aeroxerador Ballestrinque 16". E "o petróglifo do Gorgullo quedaría a 44 e 109 metros doutros dous aeroxeradores".
Cun grao de protección maior, elementos catalogados como Ben de Interese Cultural (BIC) como a mámoa da Chan da Arquiña, estará a 152 metros do seu contorno de protección, e a Mámoa do Rei a 318 metros.
Pero este informe tamén sinala hórreos, xacementos e muíños nunha lista de patrimonio cultural "realmente próximo ás localizacións das infraestruturas eólicas".
A parroquia con maior número de elementos afectados pola ADE é Santo Adrán de Cobres, con 95 elementos, e San Tomé de Piñeiro, con 57, é o que conta con maior proporción de elementos afectados, máis da metade do total.
Do total de patrimonio localizado na Área de Desenvolvemento Eólico, o de interese etnolóxico (hórreos, muíños ou fontes) é o máis afectado, o 67 %, aínda que o arqueolóxico conta cun 29 %, principalmente mámoas e petróglifos.
Elementos de interese artístico tamén están afectados pola Área, tales como a igrexa parroquial, o cemiterio e a casa reitoral de Ermelo, a Capela do Pirelo no Pereiro, a Ermida de San Lourenzo en Domaio e varias pontes, casas e conxuntos tradicionais.
O informe conclúe salientando a urxencia de parar o antes posible este proxecto, "para que non pase como no Acibal ou no Iribio" un proxecto "anulado polo Tribunal Supremo despois de ter destrozado a Serra". Incídese en que un "único aeroxerador abrirá a porta a máis parques eólicos e que 287 elementos do patrimonio cultural están potencialmente afectados".
A 'Plataforma Eólicos no Morrazo Non' insiste en que "a cuestión non é cal sería a mellor localización dos aeroxeradores para causar o menor dano posible", o debate, según aseguran debe centrarse en eliminar a Área de Desenvolvemento Eólico nunha comarca tan poboada e con tanta riqueza patrimonial, "para que non teñamos cada certos anos unha ameaza como esta enriba da mesa".
Relacionadas:
-
A 'Plataforma Eólicos no Morrazo Non' alerta dun proxecto eólico que afectaría ao 40% da auga de Marín, Moaña e Vilaboa
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas tomará medidas contra o parque eólico Serra da Fracha
Por Oskar Viéitez |
-
O pleno de Marín rexeita a moción contra o novo proxecto eólico no Morrazo ao impoñer o PP a súa maioría
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta considera "ambientalmente viable" o proxecto do parque eólico Serra da Fracha
Por Anxo Lourido |
-
O Concello de Barro e colectivos veciñais alegan contra o parque eólico previsto no monte Castrove
Por Oskar Viéitez |