O Concello volverá licitar o contrato da xestión de residuos ao estimarse o recurso dunha empresa vinculada a Cáritas
Por Oskar Viéitez
O concelleiro responsable de residuos urbanos, Raimundo González, anunciou que o Concello de Pontevedra volverá licitar o contrato da xestión de residuos de competencia municipal.
O Tribunal administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal) pronunciouse sobre os dous recursos que se presentaron a este contrato estimando a reclamación presentada pola empresa Moda Re-, vinculada a Cáritas e dedicada á xestión integral da roupa usada.
Moda Re- cuestionaba que o Concello de Pontevedra non reservase a recollida de téxtiles para empresas de economía social, contemplando unicamente esa posibilidade como unha subcontrata, polo que agora deberá excluír os téxtiles deste contrato. "Isto é unha cuestión moi colateral", indicou Raimundo González restándolle importancia a este revés xa que "en todo o cómputo do contrato pode supoñer uns 50.000 euros ao ano".
Tal e como lembrou Raimundo González, o do lixo é o contrato con maior importe económico da historia do Concello de Pontevedra, xa que ascende a 233.395.720 euros para un período de 20 anos. Inclúe a recollida, tratamento, limpeza viaria e maquinaria, cunha mellora dos medios técnicos "para dar un salto adiante no servizo". Son 11.669.786 millóns de euros por ano.
Agora o Concello terá que volver cambiar os pregos administrativos e técnicos do concurso e "reiniciar o prazo de presentación de ofertas" porque hai unha serie de modificacións.
O outro recurso, que foi rexeitado por parte do Tacgal, fora presentado pola Asociación de Empresas de Limpeza Pública e Coidado do Medio Ambiente Urbano (ASELIP), unha entidade que actúa como "un lobby ou un cártel" e que está integrada polas principais empresas do sector, FCC Medio Ambiente, Urbaser, Cespa (Ferrovial Servizos), SAV (Agricultores de la Vega), Valoriza Medio (Sacyr), OHL Servizos Ingesan, Contenur, Acciona e Ascan Servizos Urbanos.
Aselip poñía en cuestión o equilibrio económico da concesión, o sistema de recollida, o cumprimento dos obxectivos da propia lei, entre outros factores que, "de darlle a razón implicaría empezar de novo o contrato".
Con todo, o Tacgal "desestima na súa integridade, punto por punto, o recurso presentado pola Asociación de Empresas de Limpeza Pública" tal e como destacou o concelleiro. "No fondo está a recoñecer a viabilidade e a adecuación do contrato a un novo modelo de xestión dos residuos municipais", valorou.
O Goberno local destaca que é un contrato "pioneiro" e que supón "un cambio de paradigma no tratamento dos residuos" xa que implica "máis compostaxe, máis reciclaxe, máis prevención de residuos, menos incineración e como consecuencia disto, se se cumpren estes obxectivos: máis pago ás empresas adxudicatarias" por tanto, este contrato "obriga ás empresas para obter uns resultados ambientais adecuados ou pola contra estaríaselles penalizando economicamente", segundo explicou Raimundo González.
Na resolución do Tacgal tamén se recoñece que o órgano de contratación, é dicir, o Concello, "fixo un esforzo no cálculo de todas as magnitudes económicas sen que este estudo de máis de 700 páxinas fose posto en cuestión en ningún momento polos propios recorrentes", que non presentaron un estudo alternativo. Este novo contrato prevé un incremento do persoal da recollida de residuos ata os 160 traballadores (actualmente son 120), así como a creación da planta de compostaxe e o aumento de medios técnicos e mecánicos.
Neste sentido, o concelleiro entende como un "motivo de satisfacción" que este Tribunal avale "a seriedade do estudo feito por parte dos técnicos municipais e das empresas colaboradoras" e doutra banda, "non deixa de ser un órgano externo que nos lexitima".
Ademais de excluír a partir de agora a recollida de téxtiles, o novo contrato tampouco inclúe a limpeza dos edificios municipais, das instalacións deportivas, dos colexios, as rozas ou a desratización.
Relacionadas:
-
Pontevedra reformula e volve licitar o contrato de xestión do lixo
Por Natalia Puga & Juan Manuel García Tajes |
-
O Concello confía en que o novo contrato do lixo entre en vigor a finais deste ano
Por Alejandro Espiño |
-
Os centros educativos de Moraña, Portas e Campo Lameiro familiarízanse coa compostaxe
Por Redacción |
-
O Concello estuda ampliar o número de colectores marróns en varias zonas da cidade
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Zafarrancho de limpeza na rúa da Abundancia
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez critica a paralización do novo contrato de xestión de residuos "coa cidade cada día máis sucia"
Por Redacción |
-
Dous recursos, un presentado polo 'cártel do lixo', paraliza o contrato de xestión de residuos de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra aproba o novo contrato de residuos cun custo total de 233 millóns de euros, o maior da súa historia
Por Oskar Viéitez |