Pontevedra aproba o novo contrato de residuos cun custo total de 233 millóns de euros, o maior da súa historia
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra aprobou este mércores en Xunta de Goberno o contrato de residuos de competencia municipal, que inclúe a recollida, o tratamento e a limpeza viaria e que comporta un incremento da maquinaria e a mellora dos medios técnicos utilizados para estes fins, así como a posta en marcha da planta de compostaxe.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que é o contrato máis importante da historia do Concello cun custo total de 233.395.720 euros nos 20 anos de duración, polo que o custo anual será de 11.669.786 euros, o que supoñerá un "esforzo económico moi importante" que o rexedor enmarca dentro desa aposta municipal "polo coidado do medio ambiente".
O contrato contempla investimentos por case 40 millóns de euros que terá que facer a empresa licitadora, que pasará dos 110 traballadores actuais a unha previsión estimada de 160 en persoal.
Trátase dun "salto adiante" neste servizo "e ademais recollendo previsións de crecemento e ampliación no futuro" marcando "un antes e un despois na liña de reducir a pegada de carbono" incidindo na recollida selectiva "que é a que garante que os residuos se convertan en recursos", dixo o alcalde.
Lores recalcou que se trata dun contrato "pioneiro" xa que será o primeiro adaptado á nova Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular. "Vai ser un cambio de paradigma no tratamento de residuos de competencia municipal", engadiu.
O alcalde quixo recoñecer o "traballo inxente" levado a cabo por un equipo municipal "encabezado por Raimundo González" e conformado polos servizos económicos, xurídicos e técnicos do Concello.
Tamén destacou o alcalde que nos últimos anos en Pontevedra "temos avanzado moito na recollida selectiva e concretamente na compostaxe" tanto no comunitario como a nivel individual así como na implementación do contedor marrón.
"Pero este novo contrato achegará os recursos técnicos e económicos que farán posible que sexamos pioneiros tamén na xestión de residuos de competencia municipal", sinalou o rexedor nacionalista xa que "imos ser a única cidade que teña unha planta propia de compostaxe".
Lores expresou a súa satisfacción por sacar adiante este contrato "complexísimo" tras un "proceso complicado" que leva aparellada unha previsión de achega económica "importantísima" que sobe máis dun 50% ao anterior contrato, aínda que esta circunstancia non repercutirá no recibo que se cobra aos veciños, matizou.
Raimundo González incidiu en que despois da aprobación de hoxe, nos próximos días o contrato sairá publicado nos boletíns oficiais e as empresas interesadas terán 30 días para presentar as súas ofertas. Un prazo que "nin é moito nin é pouco" xa que en marzo o Concello publicou o anteproxecto de explotación e deuse tamén acceso ao estudo económico aos posibles licitadores. A partir de aí serán analizadas as ofertas.
A previsión que manexa o concelleiro é que o goberno local poida estar en condicións de adxudicar este servizo "antes de que remate a prórroga" do actual contrato, sobre o 9 de xuño, "pero para nós esa non é unha cuestión fundamental".
Relacionadas:
-
O Concello volverá licitar o contrato da xestión de residuos ao estimarse o recurso dunha empresa vinculada a Cáritas
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez critica a paralización do novo contrato de xestión de residuos "coa cidade cada día máis sucia"
Por Redacción |
-
Dous recursos, un presentado polo 'cártel do lixo', paraliza o contrato de xestión de residuos de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
O "desmesurado" IPC elevará o novo contrato do lixo a máis de 11 millóns anuais
Por Alejandro Espiño |
-
Ao PP preocúpalle que sexa unha empresa quen decida onde se sitúa a planta de compost
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Raimundo González critica a "oposición virulenta e enfermiza" do PP local ao modelo de compostaxe de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Prevista a implantación de puntos limpos fixo e móbil no novo contrato de xestión de residuos
Por Redacción |
-
Pontevedra quere formalizar antes de final de ano o novo contrato do lixo, polo que pagará 225 millóns en 21 anos
Por Alejandro Espiño |
-
Os contedores de lixo do centro histórico serán 'de quita e pon'
Por Alejandro Espiño |