Raimundo González critica a "oposición virulenta e enfermiza" do PP local ao modelo de compostaxe de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O concelleiro de Xestión de residuos urbanos do Concello de Pontevedra, Raimundo González, saíu ao paso da "oposición virulenta e enfermiza" do portavoz do PP, Rafa Domínguez, que nas últimas horas sementaba dúbidas sobre a viabilidade da planta de compostaxe proxectada en terreos da Canicouva.
Raimundo González sinalou que este rexeitamento á aposta pola compostaxe do Concello de Pontevedra limítase ao PP local "e fundamentalmente o señor Domínguez" cando a lexislación europea, a do Estado e a da Xunta de Galicia impoñen este tratamento dos biorresiduos.
O modelo impulsado polo Concello de Pontevedra está baseado na compostaxe e no tratamento a quilómetro cero dos biorresiduos municipais. Para iso apóiase en tres alicerces: os composteiros individuais, os comunitarios e a planta de compostaxe.
Raimundo González lembrou que o portavoz local do PP opúxose a cada un destes tres piares, "fixo campañas polas parroquias" contra a compostaxe individual, e subiuse encima dun centro dunha compostaxe comunitaria "cun picachón na man para poder derrubalo dicindo textualmente que: cuando yo gobierne esto se eliminará".
"Con respecto á planta de compostaxe o comportamento aínda é máis enfermizo", valorou Raimundo González, xa que o PP chegou a presentar unha denuncia xudicial polo alugueiro dos terreos no monte da Canicouva "dicindo unha sarta de barbaridades".
O concelleiro nacionalista destacou que "antes de alugar os terreos" encargáronse informes técnicos que "avalan" a viabilidade de construír ese tipo de instalación nese espazo, sen existir problemas polo desnivel do terreo nin por falta de accesos.
Ademais aclarou que o futuro contrato de concesión do servizo municipal de lixo inclúe unha "cláusula de salvagarda" ante a posibilidade de que non se poida construír a planta por cuestións alleas ao Concello. "Porque tamén necesitamos permisos externos e non vaia selo demo…", apuntou o concelleiro de Xestión de residuos urbanos, "pode ser que se atasque un permiso autonómico e ante iso o Concello pouco ten que facer", comentou González Carballo.
Por último, puntualizou que o Concello ten alugadas dez hectáreas de terreo, cando a planta non ocupará máis dunha, porque o Goberno local quere "que esa contorna sexa un ecoparque" no que recibir visitas escolares, habilitar unha aula destinada á sensibilización ambiental, con elementos de xogo como tirolesas e plantación de distintas especies de árbores. Un proxecto "absolutamente respectuoso co medio ambiente" que, segundo Raimundo González "compleméntase" coa planta proxectada por Sogama en Vilanova de Arousa.
Relacionadas:
-
Pontevedra aproba o novo contrato de residuos cun custo total de 233 millóns de euros, o maior da súa historia
Por Oskar Viéitez |
-
O "desmesurado" IPC elevará o novo contrato do lixo a máis de 11 millóns anuais
Por Alejandro Espiño |
-
PreZero intensificará a recollida de biorresiduos á espera do novo contrato
Por Alejandro Espiño |
-
Domínguez visita A Canicouva: "non reúne as condicións para que unha mini Sogama se instale aquí"
Por Redacción |
-
O recibo do lixo de decembro será máis barato en Pontevedra por enviar menos toneladas a Sogama
Por Oskar Viéitez |
-
Ao PP preocúpalle que sexa unha empresa quen decida onde se sitúa a planta de compost
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Un "think tank" en igualdade, proposta do PP na busca de máis oportunidades para as mulleres
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez sementa dúbidas sobre a viabilidade técnica da planta da Canicouva
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra quere formalizar antes de final de ano o novo contrato do lixo, polo que pagará 225 millóns en 21 anos
Por Alejandro Espiño |
-
Os contedores de lixo do centro histórico serán 'de quita e pon'
Por Alejandro Espiño |
-
O novo contrato da xestión do lixo contemplará o residuo como un recurso e buscará reducir a pegada do CO2
Por Redacción |