PreZero intensificará a recollida de biorresiduos á espera do novo contrato
Por Alejandro Espiño
A compañía PreZero, antes coñecida como Ferrovial Servizos, continuará a prestar o servizo de xestión de residuos municipais. Farao, polo momento, por un máximo dun ano máis. Así figura na prórroga do contrato actual que aprobou o goberno municipal.
Esta extensión poderá extinguirse se antes de que se cumpra este ano se completa a adxudicación do novo contrato, que está nas súas últimas fases de tramitación.
A empresa cobrará uns 6,2 millóns de euros por este ano de traballo, segundo recolle a prórroga concedida que, debido á entrada en vigor da nova lei de residuos de Galicia, obrigará á compañía a intensificar os labores de separación e tratamento da fracción orgánica.
O concelleiro delegado do servizo, Raimundo González, explicou que a prórroga do contrato suporá que a concesionaria fará un "especial esforzo" no traballo de inspección e sensibilización na recollida de biorresiduos para axustarse ao marco legal que fixa a lei.
A nova normativa esixe que as entidades locais de máis de 5.000 habitantes teñen que recoller por separado a fracción orgánica dende o vindeiro 30 de xuño de 2022, ao igual que esixe aos establecementos comerciais a xestión dos seus biorresiduos.
Así, na renovación do contrato haberá un especial seguimento á recollida dos biorresiduos no contedor marrón, polo que a concesionaria intensificará a campaña de inspección e sensibilización domiciliaria como se realizou cando se implantou o servizo.
Na actualidade participan no Plan Composta arredor de 3.000 domicilios e uns 300 comercios. A intención de PreZero é facer novas campañas de captación porta a porta e instalar novos contedores marróns en varias zonas da cidade, entre elas a Avenida de Vigo.
Relacionadas:
-
A Mancomunidade do Morrazo recolle 540 quilos de biorresiduos no inicio da campaña 'porta a porta' na hostalaría
Por Redacción |
-
Primeira convocatoria Súmate de axudas a proxectos sociais da empresa encargada da recollida de residuos
Por Redacción |
-
Raimundo González critica a "oposición virulenta e enfermiza" do PP local ao modelo de compostaxe de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Prevista a implantación de puntos limpos fixo e móbil no novo contrato de xestión de residuos
Por Redacción |
-
Pontevedra quere formalizar antes de final de ano o novo contrato do lixo, polo que pagará 225 millóns en 21 anos
Por Alejandro Espiño |