Remata a rehabilitación integral e enerxética do CEP Sequelo de Marín
Por Redacción
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vén de rematar as obras de modernización e de rehabilitación integral e enerxética do Centro de Educación Primaria (CEP) Sequelo de Marín cun investimento de 825.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou este mércores o colexio na xornada de vésperas do comezo do curso escolar, acompañado pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o xefe territorial de Educación, César Pérez, para supervisar esta actuación e, no seu percorrido, destacou "o esforzo do Goberno galego sacando adiante a obra neste centro marinense malia a crise de subministros despois de que, hai xusto un ano, se procedera á licitación dos traballos".
A rehabilitación integral do CEP Sequelo centrouse principalmente na mellora da eficiencia enerxética e da confortabilidade do inmoble, que conta con máis de 2.500 metros cadrados de superficie útil. Así, efectuouse un cambio completo da envolvente para incrementar a sensación térmica, a renovación dos illamentos das fachadas, a substitución de todas as carpintarías exteriores, a dotación de falsos teitos, a motorización das fiestras, o cambio das portas deterioradas, o acondicionamento dos armarios, o pintado xeral de todo o edificio e a instalación de novas luminarias, de tecnoloxía Led, con sistemas de detección de presenza para favorecer a eficiencia e o aforro.
Luis López lembrou que este centro xa recibira diversos investimentos, por uns 100.000 euros, ao longo dos anos anteriores para melloras nas carpintarías, sistemas eléctricos ou a calefacción, entre outras obras, pero facíase preciso unha actuación integral como a executada.
Así, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades adicou case 1,6 millóns de euros a obras en Marín ao longo do último ano e, principalmente, neste verán, xa que tamén renovou as carpintarías exteriores do IES Chan do Monte por 256.000 euros, as cubertas do CEIP do Carballal por 365.000 euros e as luminarias do IES Mestre Landín por 65.000 euros.
Relacionadas:
-
Medio centenar de alumnos queda sen comedor escolar no Instituto de Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
Día de festa na zona monumental pola volta ao cole
Por Mónica Patxot |
-
A wifi pública gratuíta estenderase nas próximas semanas a varios puntos de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Fixan o fin das obras de rehabilitación no colexio Sequelo "en torno ao mes de setembro, antes do inicio de curso"
Por Redacción |