Fixan o fin das obras de rehabilitación no colexio Sequelo "en torno ao mes de setembro, antes do inicio de curso"
Por Redacción
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este venres xunto á alcaldesa de Marín, Maria Ramallo, o colexio Sequelo para comprobar o avance das obras de rehabilitación integral que se están realizando neste centro por importe de 824.206 euros.
Na visita o responsable de Educación confirmou que "os traballos avanzan a bo ritmo e as obras estarán finalizadas en torno ao mes de setembro, antes do inicio do curso".
A actuación busca principalmente a mellora da eficiencia enerxética do colexio, polo que se está acometendo a substitución da cuberta por unha nova de panel de dobre chapa de aceiro con illante intermedio, así como a instalación de sistema de illamento térmico polo exterior (SATE) en fachadas e teito do patio cuberto.
Ademais a carpintería exterior renovarase con 181 novas xanelas con persianas de aluminio con illante térmico, e colocaranse luminarias LED.
Tamén está previsto o cambio das carpinterías interiores de madeira e os falsos teitos.
"Todas estas medidas combinadas supoñerán un aforro enerxético do 75%, ademais de redundar nun maior confort para a comunidade educativa do centro, que gozará dunhas instalacións plenamente renovadas para a súa nova etapa", defendeu Román Rodríguez.
NOVA AULA DE INFANTIL
Doutra banda, segundo confirmou o conselleiro, o Colexio Sequelo contará a partir de agora cunha aula de infantil aumentando a súa oferta e "dando resposta ás necesidades educativas do concello de Marín".