A AECC denuncia nas rúas que "Non todos somos iguais fronte ao cancro"
Por María José Pita
Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro que se conmemora este 4 de febreiro, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) publicou o primeiro informe sobre a inequidade desta enfermidade en España, co obxectivo de sinalar as desigualdades económicas que agrava o cancro.
Entre outros aspectos, o informe incide na merma económica que supón o cancro para a persoa enferma e a súa familia. De modo que, entre gastos directos e indirectos, calcúlase que o cancro provoca un custo económico ao 41% das familias superior a 10.000 euros, e case 30.000 persoas diagnosticadas poderían non asumir estes gastos pola súa situación de vulnerabilidade.
Para informar desta situación e animar a que a cidadanía dea o seu apoio coa firma en liña a través da web acuerdocontraelcancer.com, o equipo de voluntariado da sede en Pontevedra da AECC levaba a súa campaña ¿Iguales? á praza do Hospital Provincial. Candi, Vanesa, Janise e Maica encargábanse desta tarefa desde as 11:00 da mañá.
REBECA CASTRO, COORDINADORA DE VOLUNTARIADO
Coordinando ao equipo de voluntariado atopábase Rebeca Castro, quen é tamén técnico de prevención da Asociación Española contra o Cancro en Pontevedra.
- Nesta campaña hai unha frase que se repite "Non todos somos iguais contra o cancro", por que motivo?
Á hora de enfrontarnos a un diagnóstico, a nosa situación previa pode facer que nos enfrontemos realmente con dificultades. Como pode ser o noso lugar de residencia, porque podemos ter máis dificultades para chegar a puntos onde poñer o tratamento, de quimioterapia ou radioterapia. Hai persoas que se teñen que desprazar moitas horas para poñer un tratamento diario que poida salvar a súa vida, e cos costes economicos que poidan supoñer para moitas familias que partan cun nivel económico baixo. Hai tamén facturas en Farmacia que son caras en ocasións.
- Incluso antes do diagnóstico, tamén incidides en que a desigualdade económica afecta á prevención.
Por exemplo, aquí en Galicia temos implantado o programa de cribado de cancro de colon pero todavía temos sete comunidades autónomas onde non se conseguiu implantar este cribado para toda a poboación de riesgo.
- Que implicacións ten un diagnóstico de cancro na economía do enfermo e á súa familia?
Os efectos económicos son moitos, sobre todo cando se parte dunha situación vulnerable, esta vese incrementada. Ademais de que moita xente perde o seu traballo á hora de enfrontarse ao proceso oncolóxico. Tamén que moitas persoas cando se lle diagnostica xa estaban en paro ou son autónomos ou non chegan ao salario mínimo interprofesional. Incluso perda de ingresos porque o propio paciente ten que deixar de traballar e un familiar ten que ver reducida a súa xornada ou deixar tamén o seu traballo para facer de coidador. En función de que situación partimos, vamos a vernos máis ou menos perxudicados.
- Que pode ofrecer a AECC, aquí en Pontevedra na sede de Eduardo Pondal, número 64, como apoio a quen estea nunha situación complicada por causa do cancro?
A Asociación Española contra o Cancro, como medida a corto prazo, pon a disposición de todos os pacientes e familiares servizos gratuítos para paliar un pouco esas dificultades: atención psicolóxica, logopedia, atención social, axudas económicas e moitas outras. E a longo prazo tamén intentamos traballar con entidades públicas e privadas para conseguir que esas desigualdades que actualmente existen vaian reducíndose cada vez máis.
Relacionadas:
-
Maica Larriba destaca o "extraordinario labor" da AECC en Pontevedra
Por Redacción |
-
Presentan a Unidade de Exercicio Físico Oncolóxico como novo servizo gratuíto na AECC de Pontevedra
Por Redacción |
-
A bandeira verde contra o cancro ondea en Pontevedra para reivindicar máis investigación
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Inaugurada a nova sede da Asociación Contra o Cancro en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Os roteiros saudables da Asociación Contra o Cancro reúnen a 40 persoas en Pontevedra
Por Redacción |
-
154 persoas recibiron asistencia da Asociación contra o Cancro en Cerdedo-Cotobade durante 2020
Por Redacción |
-
A AECC financiará unha investigación da UVigo para detectar o risco de cancro de colon no microbioma
Por María José Pita |
-
Quince familias de Pontevedra con pacientes oncolóxicos reciben doazón de alimentos
Por Redacción |