
© Mónica Patxot
Veciños de Monte Porreiro tenden a man ao Concello para cooperar coa peonalización da Rúa Alemaña

Por Manu Otero

© Mónica Patxot
A plataforma veciñal Monte Porreiro Quere Avanzar acaba de solicitar de maneira formal unha petición para reunirse co concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, para coñecer de primeira man o proxecto de humanización da Rúa Alemaña, que cruza todo o barrio.
"Somos un colectivo que nace para sumar, para aportar ideas e solucións ás problemáticas que se ven no barrio, sinala o portavoz da asociación, Pablo Abelleira.
En principio, as persoas que compoñen esta plataforma móstranse favorables ao proxecto de peonalización desta arteria e á reorganización do tráfico, pero "queremos poder aportar ideas ou facer modificacións se é preciso".
"O esbozo parece unha idea bastante plausible, boa para o barrio e que pon solución aos problemas de mobilidade interna que temos. O tráfico atravesa por completo todo o barrio e é un problema que hai que ataxar", sostén o veciño.
O anuncio desta revolucionaria reforma xerou división no barrio de Monte Porreiro, desde a asociación de veciños posicionáronse en contra do proxecto e mesmo se recolleron firmas para evitar a súa execución. Con todo, esta plataforma prefire fuxir do enfrontamento. "Nós queremos apostar sempre polo diálogo, sen insultos nin a crispación das últimas semanas", puntualizan.
Neste sentido, lamentan que "na veciñanza xurdiron moitas loitas internas. A actitude non foi de diálogo, certas persoas consideráronse atacadas. As ideas hai que defendelas coa palabra pero non con ameazas ou vetos a comercios porque non poñen follas de firmas. Foi máis unha caza de meigas contra o proxecto e as persoas que están a favor", denuncia Abelleira unha situación que motivou a creación desta plataforma.
O seu papel non se cinguirá soamente ao proxecto de peonalización da Rúa Alemaña. "O barrio ten necesidades en moitos eidos, no mantemento sobre todo. Pero está avanzando. Este proxecto de peonalización é un inicio para un rexurdimento de Monte Porreiro. Levamos décadas parados", remata.
Relacionadas:
-
Convocada unha protesta veciñal en Monte Porreiro contra o proxecto de peonalización do barrio
Por Redacción |
-
'Monte Porreiro quere avanzar', en desacordo coa reordenación do tráfico que implica a reforma das rúas Grecia e Alemaña
Por Redacción & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Deseñan en Pontevedra bolardos exclusivos para a nova praza pública de Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |
-
Domínguez reclama dous millóns para obras urxentes e oito millóns para humanizar Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello ve "imprescindible" actuar na rúa Alemaña pero se abre a cambios no proxecto
Por Redacción |
-
Os socialistas reclaman consenso veciñal ante calquera humanización en Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide deter o proxecto de peonalización da rúa Alemaña mentres non haxa consenso veciñal
Por Redacción |
-
A rúa Alemaña será peonil e terá unha gran praza central do tamaño da Ferrería
Por Alejandro Espiño |