Nove municipios da área sanitaria teñen xa unha incidencia menor a 150
Por Redacción
Cinco municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés lograron reducir a súa incidencia acumulada a 14 días por baixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes, o límite que marcan as autoridades sanitarias para situarse no nivel máis baixo de restricións.
A Caldas de Reis, Portas (dous casos activos, os mesmos que onte), Forcarei e O Grove, que xa estaban nesta lista, sumáronse Barro (oito casos, dous menos), Poio (43 casos, oito menos), Bueu (19 casos, un menos), Cerdedo-Cotobade (11 casos, cinco menos) e Ribadumia (cinco casos, dous menos).
Forcarei é, ademais, o primeiro municipio que mesmo baixa o limiar dos 50 casos por cada 100.000 habitantes, o que o sitúa como o lugar de menor incidencia de toda a área sanitaria.
O caso contrario dáse, actualmente, en Soutomaior (47 casos, cinco máis) que volve aproximarse ao 'nivel vermello' dos 500 casos por cada 100.000 habitantes.
Tras el sitúanse A Lama (once casos, sen cambios) e Ponte Caldelas (31 casos, catro máis), que seguen por encima de 400; e Vilanova de Arousa (43 casos, un menos) e Vilaboa (26 casos, un menos), que están preto dese limiar.
Meis (17 casos, dous menos), Catoira, Marín (92 casos, cinco menos), Cuntis (12 casos, tres menos) e Cambados (43 casos, un menos), pola súa banda, continúan coa súa tendencia á baixa aínda que se manteñen cunha incidencia a 14 días superior aos 250.
A cidade de Pontevedra, mentres tanto, recupérase do leve incremento de onte e ten unha incidencia de 184, segundo os rexistros do Servizo Galego de Saúde. Conta con 196 casos activos, tres menos que na xornada do xoves.
Nese mesmo nivel móvense Sanxenxo (48 casos, sete menos), Meaño (18, un máis), Vilagarcía de Arousa (90 casos, un máis), Moraña (nove casos, sen cambios), A Illa de Arousa (nove casos, sen cambios) e Campo Lameiro (tres casos, un menos).
A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pode consultarse no mapa que acompaña a esta información.
Relacionadas:
-
A área sanitaria ten 884 casos activos por covid-19, catorce deles pacientes en críticos
Por Alejandro Espiño |
-
Un home de 53 e unha muller de 90 anos, novas vítimas da covid-19 no Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
Soben os casos activos en Sanxenxo e Pontevedra aínda que a maior incidencia está na Lama e Ponte Caldelas
Por Alejandro Espiño |