A área sanitaria ten 884 casos activos por covid-19, catorce deles pacientes en críticos
Por Alejandro Espiño
O número de casos activos por covid-19 continúa á baixa na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Nestes momentos son 884, 46 menos que onte, segundo o balance que publicou o Servizo Galego de Saúde. Nas últimas 24 horas detectáronse 42 novos contaxios.
A presión asistencial tamén se aliviou, aínda que máis levemente. Hai 63 pacientes ingresados con coronavirus, dous menos que o día anterior.
A maior parte dos hospitalizados (40) están en sendo atendidos en Montecelo. Outros nove están no Hospital do Salnés. Non hai ningún paciente covid, pola súa banda, no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
Os pacientes máis graves, que están ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo, son 14 nestes momentos, segundo os datos achegados polo Sergas. Son dous menos dos que había onte.
O resto dos que contraeron o virus, outras 821 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Desde o inicio da pandemia 11.249 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 85 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 153 falecementos asociados ao virus. Os últimos, un home de 53 anos e unha muller de 90 que morreron en Montecelo.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 162.990, 667 nas últimas horas. Delas, 28 deron positivo (4,19%). A estas probas súmanse as 81.097 serologías realizadas ata a data.
INCIDENCIA EN GALICIA
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 6.273, 499 menos que o día anterior. Deles 2.019 son da área da Coruña, 631 da de Lugo, 386 da de Ourense, 884 da de Pontevedra, 994 da área de Vigo, 694 da de Santiago e 665 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 117 están en UCI, 447 en unidades de hospitalización e 5.709 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 103.569 persoas curadas, rexistrándose 2.213 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.654.676 probas PCR, 6.980 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar a 222 novos infectados.
Relacionadas:
-
Un repunte nos casos en Ponte Caldelas e Soutomaior fai que ambos superen a 'liña vermella'
Por Redacción |
-
Baixa a presión asistencial por covid-19 nos hospitais da área sanitaria nas últimas 24 horas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Nove municipios da área sanitaria teñen xa unha incidencia menor a 150
Por Redacción |
-
Un home de 53 e unha muller de 90 anos, novas vítimas da covid-19 no Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
Soben os casos activos en Sanxenxo e Pontevedra aínda que a maior incidencia está na Lama e Ponte Caldelas
Por Alejandro Espiño |
-
Baixan a 49 os pacientes covid hospitalizados na área sanitaria
Por Oskar Viéitez |