O BNG propón crear rutas seguras entre os concellos para ciclistas
Por Redacción
Este domingo, o BNG fixo públicas da man do cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, as súas propostas en materia de fomento da bicicleta como forma de mobilidade saudable e sustentable e tamén como actividade deportiva, de lecer e cicloturística.
Para iso, o nacionalista realizou un percorrido pola Boa Vila acompañado de familiares e amigos e, lembrando que esta semana se celebrou o Día Mundial da Bicicleta, destacou que a proposta estrela da batería de medidas é a creación dunha Mesa Galega pola Mobilidade Ciclista.
Bará subliñou que este novo órgano deberá ter representación a Xunta de Galicia, os concellos, as deputacións, a Dirección Xeral de Tráfico, as asociacións e clubes ciclistas e tamén da Federación Galega de Ciclismo, e terá como obxectivo acordar e impulsar liñas de actuación para o fomento da bicicleta e tamén elaborar o Plan Director de Mobilidade Ciclista, así como coordinar as actuacións das diferentes administracións.
Outra das apostas do grupo nacionalista, indicou o candidato, é adoptar medidas concretas de fomento da mobilidade ciclista tanto en vías interurbanas como nas vías urbanas, como a creación de vías ciclistas seguras para facilitar mobilidade sustentable entre concellos e para activar a actividade deportiva e cicloturística.
Tamén puxo sobre a mesa a necesidade de mellorar a seguranza viaria establecendo como velocidade máxima 30 quilómetros hora nos núcleos urbanos e tamén nas travesías, así como de dotar de estacionamentos para bicicletas os lugares de interese turístico, as zonas urbanas e tamén os equipamentos públicos.
En canto ao ámbito do cicloturismo, que segundo recoñeceu move moitísimas persoas e tamén supón un importante movemento económico, o BNG propón o fomento de vías verdes para uso ciclista e cicloturista e tamén impulsar a rede Eurovelo, concretamente a ruta 1 da costa Atlántica, que vai desde Noruega ata Portugal e que nestes momentos non pasa por Galicia, "seguindo a estela do que xa está impulsando a Deputación de Pontevedra", ampliando a creación desta ruta da Rede Eurovelo dende A Guarda ata Ribadeo.
Así mesmo, sinalou que o partido impulsará dende o goberno unha Lei Galega de Mobilidade que prestará especial atención á mobilidade natural, tanto á peonil como en bicicleta, e colaborará cos concellos e deputacións na elaboración de plans municipais e comarcais de mobilidade sustentable.
Por último, destacou que todas estas propostas poderanse desenvolver logo do 12X cando se produza un "cambio galego" na Xunta de Galicia "que permita deixar atrás todas as políticas paralizantes do PP nos últimos once anos".
"Nos concellos e nas deputacións onde goberna o BNG hai un modelo claro de mobilidade, de aposta pola mobilidade natural, sustentable, e pola creación de espazos públicos nos que se poida convivir con calidade de vida. Ese modelo é o que queremos trasladar á Xunta", subliñou.
Relacionadas:
-
Sinalizan a 'Ruta do Sol', un itinerario ciclista entre Pontevedra, Poio, Sanxenxo e O Grove
Por Redacción |
-
Un 'Amazon galego' e axudas aos autónomos, apostas de Bará para o comercio post Covid-19
Por Redacción |
-
Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, expón as propostas do seu partido para a mocidade
Por Redacción |
-
A campaña do PSOE de cara o 12X terá presenza constante na rúa e acento nas políticas públicas
Por Redacción |
-
División entre socialistas e populares pola seguridade na xornada electoral
Por Oskar Viéitez |
-
A metade dos colexios electorais de Pontevedra non reúnen as condicións de seguridade
Por Alejandro Espiño |
-
Caballero impulsará as políticas sociais fronte os "recortes e inacción" de Núñez Feijóo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rafa Domínguez arranca a campaña para o 12X: "O PP é a única opción viable"
Por Redacción |