División entre socialistas e populares pola seguridade na xornada electoral
Por Oskar Viéitez
Estes días de precampaña electoral o Partido Socialista e o Partido Popular manteñen posicións enfrontadas a conta da seguridade sanitaria na xornada electoral.
Por unha banda os 21 alcaldes socialistas, así como os tenentes de alcalde da provincia de Pontevedra, acordaron este xoves responsabilizar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de calquera incidencia sanitaria ou organizativa derivada da convocatoria das eleccións autonómicas para o 12 de xullo.
Dende o PSdeG din que os concellos néganse a asumir a contratación dos servizos de limpeza, desinfección e seguridade que corresponden, en exclusiva, á Xunta de Galicia.
O secretario xeral provincial do PSdeG, David Regades, dixo que "foi Feijoo quen convocou as eleccións e quen publicou un protocolo sanitario para o 12 de xullo que suscita aínda máis dúbidas e sospeitas, así que non lle imos tolerar que trate de cargar aos alcaldes e alcaldesas cos riscos que el asumiu".
O alcalde de Vilagarcía e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o socialista Alberto Varela, cualificou como "unha aberración dende o punto de vista sanitario" esta convocatoria electoral.
Sen embargo o alcalde de Cervo e vicepresidente primeiro da FEGAMP, o popular Alfonso Villares, sinalou a súa discrepancia con estas declaracións que fixo o presidente, Alberto Varela, porque "falará en nome dunha parte dos alcaldes, pero nós non estamos de acordo".
"Esas declaracións non representan a todos os alcaldes. Somos moitos os que non compartimos a súa opinión e, polo tanto, non podemos respaldar as declaracións que fai como presidente da FEGAMP", matizou.
"O día a día das persoas estase normalizando, e a máis de un mes para as eleccións e con este protocolo non ten sentido dicir que ir ao colexio electoral non vai ser seguro", engadiu o mandatario do PP.
Por último, dende o Partido Popular recordaron que o protocolo do goberno galego para as eleccións é moi similar ao do goberno vasco e que contempla medidas de prevención moi importantes que non lles vai custar nin un euro aos concellos.