"Garantía sanitaria, flexibilidade na oferta e confianza", factores crave para reactivar o turismo nas Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou o avance do Plan de reactivación de Turismo Rías Baixas no que se perfilan como "as principais claves da nova situación: garantía sanitaria, a flexibilidade na oferta e confianza".
"Debemos reorientarnos cara ás experiencias locais e sostibles e evitar as aglomeracións", sinalou a mandataria provincial como unha das conclusións deste Plan de reactivación que a Deputación de Pontevedra encargou ao comezo da situación de alerta sanitaria.
Carmela Silva advertiu que "temos que estar moi alerta" porque todos os portais de turismo, estudos e "moitos expertos" coinciden en que "Galicia vai ser das comunidades máis atractivas" para que os españois fagan turismo "e particularmente a provincia de Pontevedra".
Diante desta expectativa, a presidenta provincial advertiu de que "temos que ter todo preparado" para que Pontevedra sexa un "destino seguro" e este Plan, que estará finalizado a finais de mes, mostra "como estamos neste momento e cales son as medidas que debemos implementar".
Este Plan de Reactivación do destino Pontevedra Provincia "naceu dun proceso participativo entre o sector público e privado", contando cos informes das principais entidades de referencia neste ámbito e analizando "as principais tendencias tanto a nivel nacional como internacional".
Tamén se encargou unha enquisa na que responderon máis de 200 empresas, das que un 20% son hoteis. Máis da metade das empresas participantes corresponden a persoas autónomas, pemes e microempresas de menos de 5 traballadores. Só un 13% puido manter unha pequena parte da súa actividade durante esta situación.
Carmela Silva asegurou que a crise sanitaria da Covid-19 vai provocar un cambio na relación das persoas e "unha profunda transformación na demanda turística e por tanto tamén na oferta e nós temos que adiantarnos".
As prioridades que marca este Plan pasan por enfocar a comercialización do destino para "poñer en valor experiencias locais sostibles". "Sexamos intelixentes, que ninguén crea que por ofertar moito espazo imos estar mellor valorados. Os turistas van valorar que non haxa aglomeracións" dixo a presidenta da Deputación.
Se aposta polo deseño de accións vencelladas á natureza e ao aire libre
Así se aposta polo deseño de accións vencelladas á natureza e ao aire libre, polo aumento das vendas en liña e aqueles métodos dixitais que minimicen o contacto físico entre as persoas, polo que cobra relevancia a dixitalización dos negocios.
Este Plan de reactivación de Turismo Rías Baixas estrutúrase en cinco grandes eixos de actuación. O primeiro é o relacionado co financiamento, aspectos legais e fiscalidade, o seguinte eixo céntrase na seguridade e hixiene coa elaboración de "protocolos claros e plans de garantía sanitaria". O terceiro eixo pasa pola dixitalización do sector e a competitividade "a través da capacitación, innovación e emprendemento".
Ademais o Plan propón o fomento da demanda de produtos turísticos da provincia ligada a accións que reactiven o consumo local e estimulen a atracción de turistas. O último eixo sería adaptar a promoción da comercialización "á nova semántica da covid" con campañas que identifiquen as Rías Baixas como un destino seguro e priorizando o mercado de proximidade e o norte de Portugal.
Este mesmo venres, a Xunta de Goberno xa tomou as primeiras medidas que van nesta liña, por un valor de 250.000 euros, coa dotación de persoal para a rede de oficinas de información turística da provincia xunto cun plan de continxencia "para cumprir taxativamente con todas as normas sanitarias".
Relacionadas:
-
A Deputación impulsa un Plan de Reactivación do destino Rías Baixas dotado con máis de 3,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Reapertura da oficina de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza
Por Redacción |
-
A Deputación repartirá entre a hostalería 250.000 salvamanteis con promoción turística
Por Redacción |
-
A Deputación lanza dúas novas campañas online para promocionar o turismo nas Rías Baixas
Por Redacción |
-
Balón de osíxeno da Deputación ao Marisco do Grove, o Albariño de Cambados e a Auga de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Sanxenxo contratará vixiantes de apoio para controlar o aforo e distanciamento nas súas praias
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Sentidiño, agora que as rúas comezan a recuperar a normalidade
Por Redacción |