A Deputación impulsa un Plan de Reactivación do destino Rías Baixas dotado con máis de 3,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou un Plan de Reactivación do destino Rías Baixas dotado con máis de 3,5 millóns de euros e que sitúa ao turismo como "eixo central da actuación".
En rolda de prensa Carmela Silva destacou o carácter "participativo" do Plan e sinalou que é unha iniciativa "transversal" con medidas concretas vertebradas en cinco eixos centrais: aspectos legais e financieiros; prevención, seguridade, saúde e hixiene; dixitalización e competitividade; fomento da demanda de produtos e servizos turísticos e promoción do destino Rías Baixas.
O Plan parte do escenario central que, segundo a presidenta da Deputación, agarda "unha recuperación rápida do turismo nacional e unha recuperación lenta do internacional", cunha caída de visitantes no 2020 do 53,96% e no 2021 do 22,51%.
Carmela Silva tamén avanzou que "imos pór en marcha unha forte promoción nos destinos de proximidade, en España e o norte de Portugal, na que daremos a imaxe de destino seguro".
DATOS XERAIS
Carmela Silva puxo en valor a importancia do sector turístico en España, destacando que "somos o segundo destino internacional" e que en Galicia, onde o turismo representa o 10,4% do PIB, hai máis de 200.000 empresas e 123.722 persoas ocupadas. A presidenta tamén asegurou que na comunidade autónoma é a provincia de Pontevedra "a que ten un maior peso no eido do turismo".
En canto ás cifras, a provincia de Pontevedra acolleu, o ano pasado, a 1,7 millóns de persoas viaxeiras das cales o 80,3% eran residentes en España. Neste eido, Silva fixo fincapé na importancia de "dirixirnos aos mercados de proximidade, xa que vai ser a primeira saída para o sector turístico".
No que respecta á incidencia da Covid-19 no turismo, o estudo realizado no marco do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, no que participaron 200 empresas das diferentes comarcas da provincia, destaca que o 47% delas tiñan menos de 6 persoas traballadoras; o 86% das empresas tiveron que deter a súa actividade por completo e soamente un 13% puido manter o 25% da actividade; o 29% tivo que acollerse a un ERTE de forza maior e o 25% por causas produtivas.
Sobre as perspectivas de cara ao segundo semestre do 2020, o 40% cren que terán menos dun 25% de actividade, un 37% entre un 25-50% de actividade e un 17% que non poderán renovar a súa actividade.
As empresas sinalan, ademais, que ampliarán as medidas de prevención, seguridade e protección, reorientarán os seus produtos e servizos e incrementarán a dixitalización de canles de venda. Tamén, a través das enquisas, fixeron fincapé na necesidade dunha maior coordinación entre administracións para a promoción de novos produtos e servizos de proximidade.
Relacionadas:
-
As Rías Baixas posiciónanse como destino turístico nun contexto xeneralizado de perda de visitantes
Por Manu Otero |
-
Os soportes dixitais posiciónanse como os mellores aliados para a campaña turística 'Segue ou teu instinto' da Deputación
Por Redacción |
-
Estiman unha ocupación hoteleira media do 33% en xullo e do 40% para o conxunto do verán
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación lanza a campaña de promoción turística "Ven" poñendo o foco na seguridade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva: "eu teño moi claro que non podemos facer discursos de turismofobia"
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva sinala a Smartpeme coma un "servizo estratéxico" da Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación lanza dúas novas campañas online para promocionar o turismo nas Rías Baixas
Por Redacción |
-
"Garantía sanitaria, flexibilidade na oferta e confianza", factores crave para reactivar o turismo nas Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |