Reapertura da oficina de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Este martes 9 de xuño, a Deputación de Pontevedra reabrirá ao público a Oficina de Turismo Rías Baixas situada no Palacete das Mendoza, na Praza de Santa María en Pontevedra, despois do parón provocado pola crise sanitaria da Covid-19.
Con todas as medidas de seguridade e cun Plan de Continxencia específico, a oficina abrirá as súas portas nos horarios habituais e a atención aos visitantes farase cun 50% de aforo e coas medidas de protección xa establecidas no resto das dependencias provinciais.
As medidas de seguridade contemplan que os visitantes accedan ao recinto tras pasar por alfombras de desinfección do calzado, control de medición de temperatura e uso de hidroxel alcólico, ademais da obrigatoria utilización de máscaras protectoras en todo o Palacete. Así mesmo, fomentarase o acceso á información turística ao través de códigos QR para evitar o uso de papel.
En canto ás outras dúas oficinas turísticas da Deputación, o punto de información do Aeroporto de Peinador ten previsto a súa reapertura o próximo 1 de xullo, mentres que o do Mosteiro da Armenteira o fará ao longo da primeira semana de xullo, xa que atende fundamentalmente a grupos.
Respecto ás oficinas dos concellos da provincia, adheridas á Rede Info Rías Baixas, a previsión é que todas estean en funcionamento entre a última semana de xuño e a segunda de xullo. Precisamente, fóronse mantendo reunións con todos os concellos para constituír os Comités de Xestión do Risco e poñer en marcha os protocolos hixiénico-sanitarios, así como os medios de atención ao público, subministrados pola Deputación, e que xa están activados.
Todos os concellos da Rede estableceron os procedementos para a contratación do persoal informador turístico ante a proximidade da reapertura das oficinas. Os municipios con oficinas turísticas adheridas á Rede Info Rías Baixas son: A Illa de Arousa, A Guarda, Baiona, Cambados, Cangas, Moaña, Cuntis, Nigrán, Ribadumia, A Estrada, Bueu, Marín, Meaño, Poio, Ponteareas, Caldas de Reis, Salvaterra do Miño, Oia, As Neves e Catoira.