Marín reforza o seu liderado no tráfico de froita do Arco Atlántico
Por Redacción
Ata 140.000 toneladas de froita, un 11.5% máis que o ano pasado, descargáronse no porto de Marín durante 2018. As instalacións pontevedresas convertéronse no centro loxístico por excelencia para os tráficos de froita no Arco Atlántico.
A Autoridade Portuaria presume que Marín ofrece un servizo integrado con conexión marítima directa, almacenaxe, clasificación e distribución a toda a Península e estase gañando a confianza das grandes compañías froiteiras internacionais.
O porto atópase entre os primeiros de España en importación hortofrutícola e atende tanto ao mercado español como ao portugués coa distribución de mercadoría procedente de países como Costa Rica, Colombia, Ecuador, Chile ou Guatemala, entre outros.
Marín ofrece actualmente o mellor tempo de tránsito do sector contando con conexións regulares directas co continente americano, o que o converte en porto hub para a recepción e distribución no Arco Atlántico. Conta ademais con servizos feeder que conectan Marín con todo o mundo a través do porto de Alxeciras.
En canto a infraestruturas, dispón dunha terminal de froita (Davila Reefer Terminal) a pé de peirao xestionada por con capacidade de almacenamento frigorífico para 5.000 pallets, seis peiraos de carga, oito cámaras frigoríficas, 1.000 metros cadrados climatizados para clasificación e distribución, conexións reefer ou 5.000 metros cadrados de chaira contigua, ademais de 520 metros de atracada en dous peiraos.
Ademais, ten unha terminal de contedores (Termarín) con 500 metros lineais de atracada, máis de 500 conexións reefer, guindastres Panamax e Post-Panamax e unhas modernas e áxiles instalacións de PIF recentemente ampliadas para incrementar a súa capacidade operativa e dar resposta á crecente demanda por parte de clientes de todo o mundo.
Con esta tarxeta de presentación e despois da boa acollida que Marín tivo entre clientes nas últimas edicións da feira Fruit Attraction de Madrid, o porto viaxará agora ata Berlín para estar presente na feira internacional Fruit Logistic onde se congregan as grandes navieiras e axentes mundiais do sector hortofrutícula.
Relacionadas:
-
O Porto de Marín ampliará as instalacións para tráfico de froita e hortalizas
Por Redacción |
-
Seis buques mercantes descargan de forma simultánea no Porto de Marín
Por Redacción |
-
A Autoridade Portuaria fixo recollida selectiva de 816 toneladas de residuos durante 2018
Por Redacción |
-
Comezan as obras para converter as antigas oficinas de Nogueira na futura Aduana
Por Oskar Viéitez |