A Autoridade Portuaria fixo recollida selectiva de 816 toneladas de residuos durante 2018
Por Redacción
Os diferentes sistemas implantados no Porto de Marín para a recollida selectiva e reutilización de residuos por parte da Autoridade Portuaria, instalacións frigoríficas e departamentos de exportadores entre outros, deron como resultado a retirada de 816 toneladas de residuos durante o ano 2018.
A consolidación da recollida selectiva no porto por parte da Autoridade Portuaria e a empresa de Servicios Portuarios Cantodarea, e a cada vez maior concienciación dos usuarios, facilita a xestión dos diferentes residuos. Deste xeito, unha vez descartados os residuos sólidos urbanos e asimilables, o 67% restante foi valorizable durante o pasado exercicio ao estar separado en orixe.
Os sistemas de xestión de residuos fóronse facendo extensivos a un cada vez maior número de instalacións en toda a comunidade portuaria a en os últimos anos. Como resultado, desde 2013 retiráronse de forma selectiva preto de 4.000 toneladas.
O Porto de Marín converteuse nun referente na xestión ambiental de residuos relacionados coas actividades marítimas e portuarias. O maior volume de residuos separado en orixe durante 2018 corresponde ao papel e cartón, con 244 toneladas e os restos de redes, con 133 toneladas. O resto de material de refugallo sometido a recollida selectiva está composto principalmente por madeira, plásticos, burlóns ou vidro entre outros.
A Autoridade Portuaria leva anos implantado diversos programas de xestión ambiental sustentable. Entre eles, os barcos pesqueiros que participaron nos proxectos Nada pola Borda ou PESCAL (Pesca Sustentable en Caladoiros Limpos) seguen coa retirada do mar e depósito nos puntos autorizados de lixo como plásticos, latas, restos de redes, pneumáticos, restos de roupa, madeira, etc.
A pesar de que o proxecto finalizou oficialmente, a Autoridade Portuaria, xunto con Opromar e a empresa Casercan, seguen mantendo esta actividade co fin de contribuír á limpeza dos mares.