Pleno avinagrado na Deputación con críticas cruzadas pola adxudicación de fondos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
No pleno da Deputación de Pontevedra celebrado este venres viviuse un agre debate entre o goberno provincial e o Partido Popular por mor da adxudicación de fondos aos concellos ao amparo do Plan DepoRemse.
A confrontación política xurdiu coa moción do PP, rexeitada polo bipartito PSOE-BNG, na que se criticaba que a repartición de axudas realizouse de maneira "arbitraria, improvisada e caciquil".
O portavoz do PP, Ángel Moldes, argumentou que "o dato importante é a cantidade" e esta arroxa un importe total de 6,5 millóns de euros para concellos gobernados polo PSOE e o BNG mentres que os rexidos por alcaldes do PP reciben "tan só 2,6 millóns" pese presentar máis proxectos que os concellos gobernados por socialistas ou nacionalistas.
Pola súa banda, o portavoz do grupo provincial do PSdeG, Carlos López Font, esgrimiu que as táboas cos criterios de repartición son "cien por cien objetivas" e que no goberno da Deputación hai "cero de discrecionalidad" na distribución de subvencións, acusando o deputado popular de ser un "calumniador político" polo seu "grado de manipulación y tendenciosidad".
O vicepresidente da Deputación e portavoz do Bloque, César Mosquera, explicou que os concellos que quedaron excluídos deste plan presentaran proxectos "incompletos", carecían dos criterios mínimos esixibles ou incumprían as bases do plan. "O resto son desculpas de mal pagador", afirmou o nacionalista que recomendou aos populares que "fagan as cousas ben".
Moldes insistiu en que a Deputación adecúe as partidas económicas deste tipo de plans para "cubrir toda a provincia" e que non queden concellos fóra.
Tamén cualificou de "ameaza" que a presidenta da Deputación Carmela Silva tente "silenciar" o "labor fiscalizador" da oposición ao advertir que levará pola vía xudicial ao PP por acusar á administración provincial de excluír ao municipio de Marín das axudas do Plan DepoRemse, en contra dos informes técnicos que, segundo o Partido Popular, avalaran o proxecto presentado por este concello, unhas declaracións que "manteremos se queren no xulgado", apuntou Moldes.
"Nós temos a conciencia tranquila", agregou.
Font confirmou que "vamos a defender nuestra honorabilidad en los tribunales" entregando aos xornalistas unha copia do controvertido informe técnico no que se recolle que o concello de Marín non remitira toda a documentación solicitada, motivo polo que a propia alcaldesa "pidió disculpas", segundo apuntou este deputado.
Relacionadas:
-
Ángel Moldes critica o "reparto arbitrario" que fan Carmela Silva e César Mosquera cos fondos provinciais
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva, ao PP: "Non vou a consentir nin unha calumnia máis. Decidirán os xulgados"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
A Deputación anuncia accións xudiciais contra Ángel Moldes
Por Redacción |
-
Os populares critican que no Plan DepoRemse "o 75% dos proxectos de concellos do PP son excluídos"
Por Oskar Viéitez |
-
O Plan Deporemse reparte 11 millóns de euros entre 31 concellos "de todas as cores políticas"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |