O Plan Deporemse reparte 11 millóns de euros entre 31 concellos "de todas as cores políticas"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera, presentaron este venres os proxectos que se van beneficiar do plan bianual 2018/2019 de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais, DepoRemse que reparte 11 millóns de euros entre 31 concellos de todas as comarcas "e de todas as cores políticas".
O plan está destinado aos municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes e vai permitir reformular as vías municipais de todas as comarcas para que sexan "máis seguras e accesibles".
Carmela Silva amosou a súa satisfacción por esta adxudicación de fondos feita por persoal técnico da institución provincial "atendendo a unhas bases claras e obxectivas, algo que non é habitual noutras administracións".
A presidenta informou que se presentaron 48 proxectos e que finalmente foron 31 os que se van aprobar. Destacou que se aprobaron proxectos "en concellos de todas as cores políticas, xa que dez están gobernados polo PP, 9 polo PSdeG, 7 polo BNG e 5 por Mareas e/ou independentes", o que, segundo destacou, "manifesta a máxima transparencia deste goberno que reparte os recursos atendendo sempre a criterios obxectivos", dixo Silva.
César Mosquera explicou que o Plan DepoRemse impulsa proxectos para remodelar rúas e vías municipais atendendo á política de mobilidade da Deputación de Pontevedra que da prioridade á seguridade e á mobilidade peonil nas infraestruturas viarias.
Así, o Plan DepoRemse conta con dúas liñas a través das cales se distribúen as subvención entre actuacións para a instalación de pasos sobreelevados e redutores físicos de velocidade e para mellorar a mobilidade e seguridade viaria nos espazos públicos municipais dentro do ámbito ou na contorna de puntos de gran atracción.
Silva y Mosquera incidiron en que "nunca en toda a historia da Deputación" os concellos da provincia recibiron tantos recursos da institución provincial, "máis de 300 millóns de euros directamente aos concellos", cifrou o vicepresidente.
César Mosquera cualificó os resultados do Plan Deporemse de "espectaculares" e valorou esta iniciativa coma "todo un reto" porque "estamos abrindo novos camiños e agora podemos dicir que este plan marca un antes e un despois" xa que "é a primeira vez" na que a Deputación financia preferentemente proxectos que estean "ben traballados, ben pensados e ben estruturados" deixando atrás unha etapa anterior. "As chapuzas pasaron á historia", sentenciou.
Relacionadas:
-
Pleno avinagrado na Deputación con críticas cruzadas pola adxudicación de fondos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación anuncia accións xudiciais contra Ángel Moldes
Por Redacción |
-
Os populares critican que no Plan DepoRemse "o 75% dos proxectos de concellos do PP son excluídos"
Por Oskar Viéitez |
-
A Seca e A Seara beneficiaranse das axudas do plan DepoRemse
Por Redacción |
-
Carmela Silva: "Tentar acusar de falsidade a un cargo público paréceme escandaloso"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |