A seguranza viaria no colexio Vilaverde e outras obras nas que colaboran o Concello e a Deputación
Por Redacción
O Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial asinaron esta semana un convenio de colaboración por valor de 600.000 euros que permitirá mellorar dúas antigas estradas provinciais que pasan polas parroquias de Salcedo e Lérez e executar o esperado proxecto de seguranza viaria no colexio Vilaverde de Mourente.
Trátase de proxectos que poderán executarse ao longo do ano 2018 e serán posible a través dun convenio asinado xusto uns días antes do remate de 2017 pola presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores
O proxecto máis agardado dos tres que se realizarán con cargo ao convenio de 600.000 euros é a mellora da seguranza viaria no ámbito do colexio Vilaverde, demanado pola comunidade escolar do centro para mellorar a situación da zona, na que existe unha convivencia de tráfico de vehículos e peóns (principalmente escolares) que hai que solucionar.
Como resultado deste proxecto, nos accesos ao colexio haberá plataforma única e medidas de calmado de tráfico, cun espazo específico destinado para o transporte escolar. O Concello está ultimando esta actuación para presentala ao Consello Escolar e coñecer a súa opinión. A idea é que poida executarse a obra ao longo deste curso, de tal xeito que estea rematada a primeiros do vindeiro ano escolar.
As outras dúas actuacións suporán actuar nas antigas estradas provinciais de subida ao Castelo na parroquia de Lérez e ao Xistro, na de Salcedo. Nos dous casos, acometerase a rehabilitación integral do firme coa instalación das canalizacións de augas pluviais e sinalización.
Ademais de asinar ese convenio por 600.000 euros, Lores e Carmela aproveitaron un encontro do pasado xoves para asinar addendas aos convenios xa acordados neste ano 2017 para o saneamento do río Gafos e infraestruturas deportivas. Con estas addendas, amplían o prazo de xustificación dos fondos ata o 31 de decembro de 2018.
Ao respecto das infraestruturas deportivas, o convenio ten un importe de 1.999.372 euros destinados á construción de dous campos de fútbol no rural: o de Chan do Monte na parroquia de Cerponzóns, e o de Gatomorto, na parroquia de Santa María de Xeve. Neste convenio o Concello financia o 20% e redacta os proxectos e a Deputación achega o 80% do financiamento.
O alcalde lembrou, logo da sinatura, que esta colaboración entra no marco global de convenios que teñen o Concello e a Deputación, que se irá completando ao longo de 2018 con outros proxectos como o de Mollabao, o acceso a Monte Porreiro ou o Pavillón da Parda "porque nos fai moita falta se queremos apostar polos deportes de pavillón, xa que non temos unha instalación que nos permita facer ximnasia, taekwondo, tenis de mesa, loita olímpia...".
A presidenta provincial asegurou estar "satisfeita" porque a Deputación poida traballar co Concello para desenvolver equipamentos, infraestruturas, dotacións que o Concello considere que son importantes para seguir prestando servizos aos seus veciños e veciñas.
Relacionadas:
-
O mal estado da tubaxe da auga adía as obras no acceso ao CEIP Vilaverde
Por Redacción |
-
As expropiacións para o novo acceso a Monte Porreiro ascenderán a 483.000 euros
Por Redacción |
-
A Deputación remata a mellora da estrada provincial Xeve-Amil-Espedregueira
Por Redacción |
-
Sacan a licitación a mellora da accesibilidade do colexio Marcos da Portela de Monte Porreiro
Por Natalia Puga |
-
Máis seguridade viaria para o ámbito do colexio Vilaverde
Por Alejandro Espiño |
-
As persoas afectadas polo novo vial de acceso a Monte Porreiro xa poden consultar o proxecto e as expropiacións
Por Redacción |
-
2017, un ano "extraordinario" para Carmela Silva: Pontevedra é un "referente"
Por Redacción |
-
A firma do convenio permite iniciar o proceso expropiatorio para construír o novo acceso a Monte Porreiro por Tafisa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A finais de novembro estará rematado o saneamento do río Gafos ata Alcalde Hevia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Concello e Deputación xa pensan en completar a rolda urbana
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |