As persoas afectadas polo novo vial de acceso a Monte Porreiro xa poden consultar o proxecto e as expropiacións
Por Redacción
As persoas interesadas xa poden consultar o proxecto da nova vía de acceso a Monte Porreir e as expropiacións necesarias para a súa execución. Este xoves empezou o seu período de exposición pública, que durará dúas semanas.
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou na súa edición deste xoves a relación de propietarios e bens a expropiar e abre o trámite de exposición ao público por este período de quince días hábiles para que os interesados poidan facer as consideracións que estimen oportunas. No caso de non producirse estas, o proxecto e as expropiacións aprobaranse definitivamente de forma automática.
O expediente de expropiación poderase consultar nas dependencias do Servizo de Mobilidade da Deputación Provincial. Afecta a terreos e propiedades situadas a tres metros da liña exterior da explanación da nova estrada, salvo na marxe esquerda da rúa Regueiriña, onde a necesidade de terreos se axusta aos peches de fincas e elementos singulares.
En total, a expropiación afecta a 7.976 metros, dos que son de solo rústico 4.726 metros cadrados e 3.253 corresponden a solo urbano. Da superficie a expropiar 367 metros cadrados corresponden a terreos públicos, do Concello de Pontevedra e do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), que non foron tidos en conta para a valoración económica. Os terreos expropiables van dos 38 aos 630 metros cadrados e afectan a 32 propietarios.
O proxecto é resultado dunha colaboración entre o Concello e a Deputación Provincial en base a un convenio polo que a institución provincial é responsable da redacción e aprobación do proxecto para abrir a nova vía, así como do expediente expropiatorio, e financiará o 70% da obra. O goberno local debe abonar o 30% do orzamento e obra, pagará as expropiacións dos terreos necesarios (432.816,30 eurois) e asumirá a licitación, dirección, execución e recepción das obras. O custe total da actuación ascende a 1.570.096,80 euros.
O boletín tamén publicou este xoves de xeito oficial a aprobación inicial do proxecto e a declaración da urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras.
Relacionadas:
-
O novo acceso a Monte Porreiro, en obras antes de que remate este ano
Por Alejandro Espiño |
-
As expropiacións para o novo acceso a Monte Porreiro ascenderán a 483.000 euros
Por Redacción |
-
A seguranza viaria no colexio Vilaverde e outras colaboracións do Concello e a Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación aproba este venres as expropiacións para o novo vial de acceso a Monte Porreiro
Por Redacción |