A firma do convenio permite iniciar o proceso expropiatorio para construír o novo acceso a Monte Porreiro por Tafisa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron este luns o convenio de colaboración para executar a nova vía de acceso ao barrio de Monte Porreiro desde a urbanización de Tafisa. Unha vez cumprimentado este trámite darase inicio ao proceso expropiatorio.
O orzamento final supera os 1,5 millóns de euros, dos que a Deputación pon o 70%, uns 796.000 destinados á obra civil xa que se encargou da redacción do proxecto, mentres que o concello financiará o 30% do orzamento (341.000 euros), e as expropiacións, valoradas nuns 439.000 euros.
O Concello tamén asumirá a licitación, dirección, execución e recepción das obras previstas.
O deseño aprobado contempla unha vía de dous carrís de circulación de 3,50 metros de ancho cada un, cunha única beirarrúa de 2,50 metros na marxe esquerda.
Discorre pola rede viaria executada coa urbanización dos terreos da antiga Tafisa, en especial desde a rotonda da rúa José Malvar. Aprovéitanse as infraestruturas xa construídas para o paso do tren de alta velocidade aproveita como é o paso inferior baixo as vías do ferrocarril facilitando o acceso peonil ata o apeadeiro ferroviario do campus.
Na súa maior parte segue o trazado da rúa Reguiña onde se executarán unha parte das expropiacións para ampliala. No tramo final, na contorna dos Campos, prevese a urbanización da área pública municipal e a reordenación do tráfico da zona.
O vicepresidente da Deputación e concelleiro pontevedrés, Cesar Mosquera, apuntou durante a rolda de prensa posterior á firma do convenio que esta actuación leva proxectada desde hai anos "cunha actuación mínima sobre o territorio" e que, entre outros obxectivos pretende mellorar a "permeabilidade" deste populoso barrio pontevedrés e asumir o tráfico que accede a Monte Porreiro pola avenida de Buenos Aires.
Relacionadas:
-
A construción do novo acceso a Monte Porreiro por Os Campos durará nove meses
Por Alejandro Espiño |
-
A seguranza viaria no colexio Vilaverde e outras colaboracións do Concello e a Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación aproba este venres as expropiacións para o novo vial de acceso a Monte Porreiro
Por Redacción |
-
A Deputación aproba o convenio para a nova estrada de acceso a Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Os novos accesos a Príncipe Felipe e Montecelo, en obras na primavera de 2018
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |