A Deputación remata a mellora da estrada provincial Xeve-Amil-Espedregueira
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de finalizar as obras para a mellora da drenaxe na estrada provincial EP-0018 Xeve-Amil-Espedregueira no termo municipal de Pontevedra. Os traballos, segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, tiveron un orzamento de 15.080,29 euros, e realizáronse durante as catro últimas semanas.
As obras consistiron na limpeza das marxes para despois colocar unha cuneta en paralelo á calzada, co obxecto de recibir e canalizar augas pluviais.
Esta actuación puntual do departamento de Mobilidade da Deputación súmase á mellora integral do firme que se realizou na estrada ao seu paso por Santa María de Xeve a finais do ano pasado e ao calmado de tráfico, con lombos instalados ao abeiro do Plan Móvese.
Así mesmo, na estrada tamén se realizou neste ano a eliminación dun estreitamento da calzada dende o punto quilométrico 2+550 nun treito de 160 metros de lonxitude coa finalidade de ampliar a sección para poder cruzar dous vehículos (o que era especialmente perigoso cos autobuses escolares e camións que a diario utilizan a vía).
Por outra parte, estase a traballar nun proxecto global para converter determinadas zonas da estrada provincial en treitos urbanos, sobre todo no ámbito da contorna da igrexa, onde incluso se baralla a posibilidade de crear áreas de preferencia peonil.
Relacionadas:
-
Actuación de urxencia en Xeve para reconstruír un muro da estrada a Amil
Por Redacción |
-
A alcaldesa de Moraña lamenta o retraso e a Deputación a acusa de entorpecer a mellora da estrada Amil-Espedregueira
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A seguranza viaria no colexio Vilaverde e outras colaboracións do Concello e a Deputación
Por Redacción |
-
As máquinas xa poden volver á estrada de Xeve-Amil-Espedregueira
Por Redacción |