As expropiacións para o novo acceso a Monte Porreiro ascenderán a 483.000 euros
Por Redacción
Pequenos cambios no proxecto do novo acceso a Monte Porreiro por Os Campos fará aumentar o custo das expropiacións. Así o desvelou este xoves a Deputación de Pontevedra, confirmando que este trámite alcanzará os 482.952,16 euros, 50.000 euros máis do previsto no proxecto inicial.
Durante os últimos meses o servizo de Mobilidade deu resposta ás alegacións presentadas, un total de 20. Segundo indicaron os técnicos, a maior parte dos propietarios solicitou unha nova taxación sobre a valoración inicial e, unha vez se puido entrar e estaquillar as fincas, coñecéronse de xeito definitivo as propiedades afectadas.
Tivéronse en conta, ademais dos propios solares, as árbores madeirables, as árbores froiteiras, as cepas e postas de viña e as árbores ornamentais; os peches de bloques, perpiaño, pedra, formigón ou metálicos; os postes de pedra ou cemento e os aramados metálicos ou servidumes e incluso os pozos fecais.
Os terreos expropiables van finalmente dos 38 aos 630 metros cadrados e afectan a 32 propietarios. Ademais das novas taxacións polos bens inventariables, tamén se fixo un axuste das afeccións da zona da curva.
"Avanzamos un paso máis en firme e imprescindible cara o resultado final", dixo César Mosquera, que lembrou que o máis difícil do novo acceso, o paso baixo a vía do tren, xa está executado posto que no seu momento se pedira a Adif que o fixera.
"Ese vial vai permitir facer dunha maneira moito máis curta a conexión con Monte Porreiro. Vai permeabilizar a zona e no futuro pode permitir que o actual acceso polo lado do río, que é unha volta e que vai por unha zona topograficamente difícil e con grandes valores ambientais, poida ir recuperándose", subliñou o vicepresidente provincial.
O proxecto do novo acceso a Monte Porreiro contempla unha estrada de nova creación de 605 metros de lonxitude con tráfico calmado, que disporá de dous carrís de circulación de 3,50 metros de largo cada un, cunha beirarrúa de 2,50 metros na marxe esquerda e facilitará o acceso peonil ata a universidade e o barrio de Monte Porreiro.
O trazado aproveita o paso inferior baixo as vías do ferrocarril, xa executado polo Ministerio de Fomento, e na súa meirande parte sigue o trazado da rúa Reguiña. No treito final, na contorna dos Campos, prevese a urbanización da área pública e a reordenación do tráfico.
O proxecto, que será aprobado este venres no pleno, ten un orzamento total de obra 1.137.280,50 euros cun prazo de execución de nove meses. Será posible grazas ao convenio asinado entre Deputación e Concello, onde se establece que a institución provincial financiará o 70% da obra e o goberno local abonará o 30% restante e as expropiacións.
Relacionadas:
-
O novo acceso a Monte Porreiro, en obras antes de que remate este ano
Por Alejandro Espiño |
-
As persoas afectadas polo novo vial de acceso a Monte Porreiro xa poden consultar o proxecto e as expropiacións
Por Redacción |
-
A seguranza viaria no colexio Vilaverde e outras colaboracións do Concello e a Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación aproba este venres as expropiacións para o novo vial de acceso a Monte Porreiro
Por Redacción |