Ultiman o proxecto do Centro Social de Salcedo, o máis "ambicioso" xamáis construído en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Tras facer unha serie de axustes no proxecto inicial e consensualo con todas as asociacións e colectivos presentes no Consello Parroquial, o Concello de Pontevedra ultima os trámites para licitar o novo Centro Social de Salcedo. Trátase, segundo o concelleiro delegado de Rural, Demetrio Gómez Junquera, do máis ambicioso que se construíu xamais en Pontevedra "por funcionalidade, por avances técnicos e por capacidade".
En concreto, prevense investir 778.000 euros na súa construción. O goberno municipal espera aprobar a súa licitación a próxima semana. A partir de aí, as empresas interesadas contarán cun prazo de 25 días para presentar as súas ofertas. Espérase que as obras duren aproximadamente uns nove meses porque o proxecto construtivo "non é complexo", destacou o edil nacionalista.
Este novo centro social contará cunha superficie construída de 605,21 metros cadrados. Terá unha sala principal e unha sala multiúsos de 107 e 152 metros cadrados respectivamente, que poderán combinarse para crear un pequeno auditorio con capacidade para unhas 200 persoas. Ademais, entre outras estanzas, contará con tres salas de usos polivalentes, dous almacéns e un local para a asociación de veciños.
O soportal que serve de entrada ao centro social poderá tamén ser reutilizado como escenario, acompañado da zona de bancos que haberá diante da súa fachada principal, creando así un pseudo auditorio ao aire libre no que poder organizar eventos culturais, especialmente durante os meses de verán.
No prezo de licitación estará incluído tamén todo o mobiliario do centro social, o material informático e os traballos de axardinamento exterior.
Demetrio Gómez Junquera sinalou que o Concello de Pontevedra está "especialmente orgulloso" deste proxecto. Non só porque fora negociado "desde o primeiro día" coas forzas vivas de Salcedo, senón porque o goberno municipal espera que contribúa a formar un núcleo de centralidade na zona da Igrexa, ao situarse no ámbito do colexio, a Casa de Montes, a igrexa ou o cemiterio parroquial.
De feito, unha vez estea finalizado este centro social, a Casa de Montes reconverterase nun centro administrativo para as asociacións da zona e integrará as súas áreas axardinadas coas desta nova infraestrutura e co parque infantil instalado alí recentemente.
Relacionadas:
-
Agardan que a Casa da Cultura de Salcedo estea rematada no primeiro semestre de 2015
Por Alejandro Espiño |
-
Ediserpo presenta a mellor oferta para construír o novo Centro Social de Salcedo
Por Redacción |
-
Nove empresas optan á construción do Centro Social de Salcedo
Por Redacción |
-
Rehabilitarán a escola unitaria de Lusquiños (Tomeza) para convertila nun centro social
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Pontevedra aproba investimentos por 1,4 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Inícianse as obras do novo parque infantil da parroquia de Salcedo
Por Redacción |
-
Satisfacción en Salcedo polos cambios no proxecto do centro social
Por Diego Espiño |