Agardan que a Casa da Cultura de Salcedo estea rematada no primeiro semestre de 2015
Por Alejandro Espiño
As obras da nova Casa da Cultura de Salcedo avanzan a bo ritmo. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, revisou este mércores o avance destes traballos. Xunto o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez Junquera, técnicos da empresa que executa a obra e veciños da parroquia, comprobaron que toda a cimentación do edificio está practicamente rematada e, despois do Nadal, comezará a levantarse o inmoble.
Estes traballos foron adxudicados á empresa Ediserpo por un prezo de 708.455,69 euros, que se financian en dúas anualidades, sendo a partida para 2014 de 300.000 euros
Terá unha superficie construída de 650 metros cadrados, e contribuirá a conformar o núcleo de centralidade parroquial nesta zona onde xa se atopan os colexios, a Casa da Música, a Casa do Monte e o novo parque infantil. Tamén está a carón da igrexa e do cemiterio parroquial.
O proxecto foi negociado dende o primeiro momento co consello parroquial incluíndo as peticións da plataforma constituída con posterioridade ao primeiro proxecto.
Inclúe zonas de estancia, reunións, baños, espazo para obradoiros e dúas salas amplas con paredes móbiles que permitirá crear un espazo de escenario e platea, no caso de darse unha representación.
Demetrio Gómez afirmou que o goberno municipal está "moi orgulloso" de como se está a facer esta obra, despois dun proceso de negociación "complexo". Formará parte, cando estea rematado, dunha ampla rede de centros sociais. ÿ a "mellor de toda Galicia", destacou, xa que se inclúen nela uns 35 edificios. O obxectivo para o vindeiro ano será afondar na autoxestión dos mesmos por parte dos seus usuarios.
Relacionadas:
-
O modelo urbano de Pontevedra amplíase ata Salcedo
Por Alejandro Espiño |
-
Ultiman a renovación e reordenación de espazos da Casa da Cultura de Estribela
Por Redacción |
-
Ediserpo presenta a mellor oferta para construír o novo Centro Social de Salcedo
Por Redacción |
-
Ultiman o proxecto do Centro Social de Salcedo, o máis "ambicioso" xamáis construído en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |