Ediserpo presenta a mellor oferta para construír o novo Centro Social de Salcedo
Por Redacción
A mesa de contratación reunida este mércores no Concello de Pontevedra propuxo á construtora Ediserpo para que se faga cargo das obras do novo centro social que está proxectado na parroquia de Salcedo. En total, nove empresas presentaron as súas ofertas e a da compañía pontevedresa foi a mellor de todas elas, segundo informou o concelleiro delegado do Rural, Demetrio Gómez Junquera.
Ediserpo presentou unha oferta valorada en 708.455,69 euros, case 70.000 euros por debaixo do prezo de licitación. Ademais, a empresa ofrece todas as melloras incluídas no prego de licitación: urbanización exterior, mobiliario exterior e interior, equipamentos de audiovisuais e informática, e equipamento do oficio. A construtora reducirá tamén os prazos de execución da obra e amplía a tres anos a garantía sobre as instalacións.
Estes traballos financiaranse en dúas anualidades, sendo a partida deste ano de 300.000 euros.
O local social terá unha superficie construída de 650 metros cadrados, e contribuirá a conformar o núcleo de centralidade parroquial nesta zona onde xa se atopan os colexios, a Casa da música, a Casa do monte e o novo parque infantil. Tamén está a carón da igrexa e do cemiterio parroquial.
O centro foi negociado dende o primeiro momento co consello parroquial incluíndo as peticións da plataforma constituída con posterioridade ao primeiro proxecto. Inclúe zonas de estancia, reunións, baños, espazo para obradoiros e dúas salas amplas con paredes móbiles que permitirá crear un espazo de escenario e platea, no caso de darse unha representación.
Relacionadas:
-
Agardan que a Casa da Cultura de Salcedo estea rematada no primeiro semestre de 2015
Por Alejandro Espiño |
-
Nove empresas optan á construción do Centro Social de Salcedo
Por Redacción |
-
Ultiman o proxecto do Centro Social de Salcedo, o máis "ambicioso" xamáis construído en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |