Nove empresas optan á construción do Centro Social de Salcedo
Por Redacción
O Concello de Pontevedra celebrou este xoves a primeira reunión da mesa de contratación do novo Centro Social de Salcedo, unha obra ambiciosa, segundo o concelleiro Demetrio Gómez, "polo prezo, pola funcionalidade, polos avances técnicos e pola capacidade do edificio".
Nove empresas presentaron a súa candidatura á licitación do proxecto, fixado nun prezo de 778.522 euros financiados en dúas anualidades, con 300.000 euros o primeiro ano e o resto no segundo.
O novo Centro Social de Salcedo terá unha superficie de 650 metros cadrados nos que se habilitarán zonas de estanza, salas de reunións e para obradoiros, baños e dúas salas con paredes móbiles que permitirá crear o espazo para un escenario e pratea.
As empresas que optan á licitación do proxecto son: Ediserpo, Ramírez, Construcións Delfín Ferreiro Rodríguez, Orega, ACPA, GPD, ÿnika, Elecnor e Elsamex.
Nas próximas semanas volverase reunir a mesa de contratación antes de elixir a proposta que deberá ser aprobada pola Xunta de Goberno.