O Concello de Pontevedra aproba investimentos por 1,4 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno local do Concello de Pontevedra aprobou este luns unha inversión de case 1,4 millóns de euros. Concretamente, aprobáronse os proxectos e o procedemento administrativo para a contratación das obras de urbanización integral das rúas de Gonzalo Gallas e Víctor Cervera Mercadillo (no barrio de San Antoniño) e da segunda fase da rúa de Blanco Porto, e tamén da licitación do novo Centro Social de Salcedo.
Néste último caso, o novo local de Salcedo, segundo o concelleiro delegado de Rural, Demetrio Gómez Junquera, é "o máis ambicioso que se construíu xamais en Pontevedra", cun investimento de 778.000 euros na súa construción.
Respecto das tres rúas están impulsadas polo tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro dentro do Plan de Obras 2014 do seu departamento. O orzamento global é de 519.000 euros e deberán acometerse sen demora pois cóntase con rematalas dentro desta anualidade.
O orzamento da rúa de Víctor Cervera Mercadillo será duns 134.000 euros e prazo inicialmente previsto ronda os catro meses. No caso de Gerardo Álvarez Limeses, o prezo de saída será de 227.000 euros e o prazo, ao tratarse dunha maior superficie, sobe ata aos cinco meses. Os proxectos foron presentados aos veciños o pasado venres.
Os principios que inspiran as dúas actuacións son idénticos: ampliación das beirarrúas e mantemento da circulación rodada nas mesmas condicións que ata o de agora. Ao tempo, mantense a capacidade de estacionamento na rúa de Álvarez Limeses, onde a maior anchura permite crear dúas bolsas con capacidade para 24 vehículos.
Na rúa de Blanco Porto o orzamento de licitación alcanza os 156.600 euros e o prazo de execución será dun máximo de catro meses. Louro destaca que se cumpre así a promesa aos veciños de rematar a totalidade desta céntrica vía, da que xa foi renovado máis da metade do seu trazado.
Relacionadas:
-
As obras de Blanco Porto van "como un tiro" e estarán rematadas a principios de novembro
Por Redacción |
-
As obras nas rúas de Cervera Mercadillo, Álvarez Limeses e Blanco Porto, a piques de comezar
Por Redacción |
-
Xuntanza veciñal para coñecer os proxectos das rúas de Víctor Cervera-Mercadillo e Gonzalo Gallas
Por Redacción |
-
Ultiman o proxecto do Centro Social de Salcedo, o máis "ambicioso" xamáis construído en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |