Ainhoa Fervenza Celestino
"Favores"
Estes días veñen de publicarse en prensa, e na paxina web do Concello de Sanxenxo, que é o panfleto publicitario que pagamos entre toda a veciñanza ao Partido Popular, os bos datos do turismo no Nadal.
Fálase de incremento de pernoctas, e de un volume amplo de visitas, de incremento de negocio no comercio e de segundas residencias abertas.
Semella que é un logro do goberno municipal, porque cando o din é cun triunfalismo propio dos que fixeron un arduo traballo e por fin obteñen os seus resultados.
Nada mais me gustaría dicir que é así, que foi grazas ao contido das acción das que dotaron os 365 dias do ano a Sanxenxo, para poder afirmar que este Concello ten o goberno que se merece. Que foi froito do arduo traballo e das boas ideas que crearon, e que así conseguiron que nos viñeran a visitar mais turistas en datas que ata o de agora non viñan.
Pero a realidade é ben distinta, lonxe de idear ou fomentar accións propias dun Concello líder en turismo, e que axuden a desestacionalizar, o único que son capaces de facer é contarnos a toro pasado que tivemos máis visitantes que outros anos.
Digo eu que, os que aquí vivimos, temos ollos e vemos que foi así, e que cada vez temos máis visitantes as fins de semana, e iso sen facer absolutamente nada, nada por parte dun Concello ancorado en mirar cara arriba a ver se sae o domingo bo ou se vai a chover.
Pero a realidade é que nos queren vender esa idea, que tivemos máis turistas grazas a grande acción promovida e deseñada por eles. E de mentres, en vez que pensar e planificar o futuro deste Concello e de planificar un turismo sostible, o que están a facer os dez concelleiros que ata o de agora andaban esquivos e pouco dados a facilitar a vida da veciñanza, pois agora si, agora é o momento, agora están atentos e serviles.
Se queredes ou necesitades que vos arranxen unha farola, lle boten zahorra no camiño, pavimenten algo pequeno, che arranxen algo nun centro cultural é o voso momento. Non o dubidedes, chamádelles que agora andan tolos arranxándolle a toda a veciñanza o que lles soliciten. Iso si, cousas pequenas, que non dean moito choio e sobre todo que non dean moito que pensar. Inda que xa sabedes que estes “favores” son os que vos recordaran un pouco mais adiante, pero con non ensinar o voto a ninguén xa o tendes arranxado, recordade: o voto é segredo.
Non importa en absoluto que non teñan ideas para o turismo, que non saiban como reconducir o éxodo de poboación, pero saben de facer favores, é o voso momento, pedídelle o que queirades, que agora vós mandades.