Ainhoa Fervenza Celestino
Dende aquí
Dende aquí vexo coma un político ponse nervioso tentando xustificar a súa acción política de tres anos e medio. A súa propia. Unha política que condicionou os derradeiros vinte anos de Sanxenxo.
El non estivo os vinte anos pero, o que iniciou nos primeiros seis foron decisións que modificaron este Concello, un PXOM que segundo as súas verbas "vos vai a facer ricos a todos". E moitos e moitas o creron.
Nembargantes o que non dixo foi que todo o que estaba facendo estaba collido polos pelos, que o estaba a facer tan a presa para promover intereses privados, que non pensaba nos veciños e veciñas senón en promover moitos solos que hoxe en día seguen a ser desertos de pistas asfaltadas, non pensou nas consecuencias de todos eses convenios mal argallados que en canto fallase calquera das variables arrastrarían ao Concello de Sanxenxo aos tribunais a pagar sentencias millonarias en indemnizacións ou multas.
Sanxenxo é o Concello de Galicia que mais veces visita os tribunais grazas a ineficacia dos seus dirixentes.
Sei que os datos son farragosos, pero son necesarios. Aproximadamente o 85% das actuacións que se teñen realizado neste Concello dende o ano 2016 son con cartos doutras administracións. O alcalde Telmo Martín cando abandonou a Sanxenxo no 2006, despois de muxila coma se fose unha vaca, deixou ao Concello nun "maremágnun" de procesos xudiciais, convenios mal pensados e aos pes dunha crise urbanística e financeira, tanto foi así que ao Concello de Sanxenxo so lle quedou bordear a indixencia e estar intervido polo ministerio de facenda ata o ano 2022.
Ese é o legado.
Pero non contento, nada mais chegar de novo, e cando xa mirabamos luz ao final do túnel, permitiuse o luxo de levar unhas negociacións con respecto os terreos da Rúa das Cunchas, de tal xeito que arrastrounos de novo os tribunais para perder outros sete millóns de euros.
Agora mesmo en Sanxenxo estanse facendo obras, grazas a outras administracións na súa totalidade con firmas socialistas, como é a Deputación de Pontevedra que chegou no 2015 e facilitou aos Concellos de calquera cor política cartos para levar a cabo actuacións, pero tamén están as subvencións con bases democráticas da Deputación ou do Ministerio de Transición Ecolóxica que a través de Acuaes nos permitirá unha depuradora a altura da nosa ría, ou dos cartos dos Next Generation conseguidos polo goberno de España e que recaen en Sanxenxo.
Da Xunta de Galicia o que tivemos foi un colexio e unha actuación na rúa Progreso aprobada no ano 2017 a cambio dunha alcaldía. Senón estivese en xogo a cesión da alcaldía ao PP, non teríamos nin colexio, nin mellora de Progreso, iso ten que sabelo toda a veciñanza deste Concello.
Polo tanto son as demais administracións as que lle deron oxíxeno a un Concello que ten unha gran losa enriba. Esa losa ten un nome, Telmo Martín, o que coas súas xestións políticas levounos a pagar en concepto de indemnizacións e multas uns 17.000.000 de euros, dos que inda quédannos por pagar uns 9.000.000 de euros.
O desglose é o seguinte:
Dorrón. Derribo casas cerca do cemiterio: 850.000 euros
Noalla. Monte Faro: uns 5.000.000 euros
Noalla. Revolta indemnización licenza ilegal: 105.000 euros
Padriñán. Sanxenxo terreo de Rúa As Cunchas: 4.400.000 euros
Padriñán. Sanxenxo viais de Rúa As Cunchas: 7.000.0000 euros
Sanxenxo está condenada a pagar as desfeitas do seu dirixente que está afastado da veciñanza, afastado nuns 17.000.000 millóns de euros.
...pero inda pode ser peor, queda pendente a sentencia de indemnización pola licenza da gasolineira do Vinquiño.
Por elo dende aquí estou cruzando os dedos, confiando para que entre todos e todas poidamos renovar Sanxenxo, e cada vez con mais motivos para a esperanza.