Sufrimento ata a última xornada para manterse na Segunda B
Por Diego Espiño
O ano 2018 iniciouse no Pontevedra Club de Fútbol con cambio no banco. Era tan só o día 2 de xaneiro cando o club granate confirmaba a Luís Miguel Areda 'Luismi', ata entón no equipo xuvenil, como adestrador provisional do primeiro plantel tras a saída de Luisito, unha situación que se terminou convertendo en permanente unas poucas semanas despois co bloque pelexando por salvar a categoría.
Luismi colleu ao equipo na praza de play-out pola permanencia, e o Pontevedra seguiu facendo ás beiras co descenso á Terceira División durante o resto do curso. Chegou a estar moi negro o panorama cando tras cinco partidos sen gañar (xornada 31) a zona de salvación estaba a 4 puntos, pero entón encadearon catro encontros sen perder, con tres triunfos, dándolle a volta á situación.
Aínda así, con todo a favor, un inesperado empate ante o Unión Adarve en Pasarón fixo que os granates chegasen á última cita do calendario con todo por decidir. Dependían de si mesmos, se gañaban o Atlético de Madrid B en Majadahonda seguirían un ano máis na Segunda B, e ante unha importante presenza de afeccionados pontevedreses conseguían o obxectivo impoñéndose 0 goles a 2.
O pesadelo chegaba ao seu fin dando paso a un verán de cambios. Só 10 futbolistas continuaron ao comezo dunha nova tempada con aires e aspiracións renovadas. Os primeiros pasos do curso foron certamente duditativos, pero os pontevedreses foron crecendo co paso das xornadas para situarse na zona nobre da táboa, despedindo 2018 nunha situación diametralmente oposta á de 12 meses atrás.
QUIQUE DOMÍNGUEZ DESPÍDESE DO TEUCRO
No Teucro o nome propio de 2018 foi o de Quique Domínguez, tras poñer fin a catro tempadas á fronte do equipo da súa cidade. Fíxoo nunha emotiva rolda de prensa e tras conseguir a permanencia con suficiencia na Liga Asobal.
"Mi deseo era seguir, ellos lo saben, pero simplemente no se dan las condiciones", sinalou entón o técnico pontevedrés, que case un mes despois anunciaba o seu novo destino, o Mudhar Handball Club de Arabia Saudita.
A nivel deportivo, o tramo final do curso foi positivo para os azuis, certificando a súa continuidade na máxima categoría con dúas semanas de antelación.
A testemuña no banco teucrista tomábaa un home da casa, Luís Montes, que debía afrontar a saída de homes importantes como Carlos García, Borja Méndez ou Balázquez, entre outros. Esas ausencias notounas o equipo no inicio dunha liga que comezou con problemas e que deixa no parón invernal a un Teucro en postos de descenso tras unhas semanas de inestabilidade pola repentina marcha de Natan Suárez e a anunciada saída por motivos familiares de Dani Hernández. Ademais no institucional Carlos García-Alén foi reelixido como presidente para o que será o seu terceiro mandato á fronte da entidade.
Relacionadas:
-
O Pontevedra CF goza dunhas merecidas vacacións antes de abordar o partido contra o Real Madrid Castela
Por Sofía Lorenzo |
-
Salvados! O Pontevedra gaña en Madrid (0-2)
Por Diego Espiño & Ramiro Espiño |
-
VÍDEO.- Quique Domínguez anuncia entre bágoas a súa saída do Teucro
Por Diego Espiño & Miguel Álvarez Fandiño |